Estás aquí: Inicio » En Marea esixe que se repoña todo o profesorado recortado nos colexios do rural para acabar coas desvantaxe e inxustiza que está a sufrir este alumnado
O voceiro de En Marea, Luís Villares, reuniuse cos representantes dos país e nais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín para coñecer de primeira man a situación que están a vivir no centro despois da decisión da Consellería de Educación de reagrupar ao alumnado en dous cursos, xuntando nun aos de primeiro, segundo e terceiro de primaria por unha banda e cuarto, quinto e sexto pola outra. Tal e como explicaron os propios pais e nais “por moi bo que sexa o profesor ou por moita vontade que poña, a realidade é que non pode impartir as clases do mesmo xeito aínda que teña 25 alumnos por aula”. “Desde logo 16 minutos por materia e día, non é suficiente para que os nosos fillos vaian en igualdade de condicións que outros centros e a teñan a mesma calidade educativa” denunciou unha das representantes da ANPA.
Explican ademais que ata o momento o centro tiña reagrupados os escalares de dous en dous cursos algo aceptaban ao ser conscientes de que non hai alumnado suficiente no rural pero “agrupar tres cursos é xa demasiado e afecta de xeito significativo á calidade educativa”.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, salientou que o feito de reagrupar tres cursos nunha soa clase implica que dunha hora de clase van a recibir unicamente 20 minutos para cada nivel isto coloca en absoluta desigualdade aos nenos e nenas que estudan no rural. “Estamos ante unha desvantaxe e unha inxustiza que vulnera o dereito a educación” denunciou.
Villares lembrou a promesa do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao arranque da lexislatura asegurando que ía ser a lexislatura do rural pero “máis ben semella que vai ser a lexislatura do exterminio do rural” lamentou. Con esta falla de garantía de oportunidades para estas nenas e nenos están a mandar unha mensaxe clara de falla de aposta polo rural galego como salientou o voceiro.
Ante esta situación, o grupo de En Marea levará ao vindeiro pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa na que se demandará á Xunta de Galicia que se repoña todo o profesorado que foi suprimido non só no centro educativo de Portomarín senón en moitas outras partes do país onde se está a evidenciar esta situación de desigualdade que é totalmente inxusta.