Estás aquí: Inicio » En Marea esixe que a Xunta garanta as condicións laborais na contratación de monitores de tempo libre para a campaña de verán
En Marea pon sobre a mesa a necesidade de que a Xunta mude o modelo de selección para a contratación de monitores de ocio e tempo libre para os campamentos e actividades da campaña de verán, e garanta así a calidade do servizo; así como o cumprimento dos dereitos laborais e as condicións salariais fixadas por convenio para estes traballadores. A formación, a través da deputada Paula Vázquez Verao, leva este tema ao Parlamento despois de constatar os problemas que se deron no último concurso; cando os incumprimentos das empresas candidatas obrigaron á Xunta a improvisar solucións de última hora que non garanten as axeitadas condicións que o convenio marco fixa para estes traballadores.
En Marea ve necesario que a Xunta de Galicia volva asumir a contratación directa dos monitores que se encargan das actividades de ocio e tempo libre durante a campaña estival. A formación reclama que estas actividades se xestionen como o servizo público que son e deixen de estar en mans de empresas externas que, tal e como se ten demostrado, non sempre respectan as táboas salariais nin as condicións de traballo do persoal.
O 2 de abril de 2018 a Xunta de Galicia publicou o procedemento para a contratación administrativa da execución da programación das actividades de educación non formal da Campaña de Verán 2018 que se iniciará o 1 de xullo. Porén, 10 dos 13 lotes incluídos neste proceso quedaron desertos, tras constatarse que boa parte das empresas que optaban a eles presentaban ofertas económicas por debaixo do custe mínimo establecido e inferiores ao custo de persoal fixado en función do pertinente convenio.
Ante esta situación, e debido á proximidade do inicio da campaña, o goberno galego viuse na obriga de negociar de xeito individual e directo coas empresas candidatas; aínda a sabendas de que estas tiñan ofertado condicións inviables. O que deu lugar a que, finalmente, se fixeran coa xestión destes lotes empresas que, no procedemento anterior, incumpriran as especificación referentes ao número de monitores necesarios ou ás condicións laborais dos mesmos.
En Marea considera totalmente fóra de lugar o xeito en que se realizaron estas contratacións. Un proceso no que primou a improvisación, e que levou a que, logo das negociación en pechado coas empresas candidatas, a Xunta convocase dun día para outro aos monitores para un proceso selectivo moi deficientemente publicitado e xestionado. Sen deixar tempo, ademais, para que estes monitores preparen axeitadamente a programación que impulsarán nas vindeiras semanas.
A formación entende que algo así non pode volver repetirse. Tanto polo que se refire á necesidade de garantir o cumprimento das condicións laborais dos monitores; como no que atinxe á calidade do servizo que recibirán as nenas e nenos. Así as cousas, En Marea denuncia a falta de compromiso co goberno da Xunta de Galicia con este sector, así como a súa ausencia de interese polas condicións en que se realizan as actividades estivais de ocio e tempo libre. E insta a que, no futuro, se contrate de xeito directo, como servizo público, e se catalogue vía RTP da Consellería de Política Social aos monitores de tempo libre que participen nas campañas estivais da administración galega.