Estás aquí: Inicio » En Marea esixe maior control da calidade das augas de baño con probas periódicas e garantir que a información dos resultados chega á cidadanía
O grupo de En Marea esixe á Xunta de Galicia un maior control da calidade de augas de baño no noso país despois de se confirmar as sospeitas do grupo sobre a mesma ao se publicar os resultados dos controis e que provocaron o peche de dúas praias na comarca de Salnés. En Marea rexistrara o día 26 de xuño diversas iniciativas no Parlamento solicitando a información relativa a estes controis que non se fixeran públicos neses momento. Días despois de rexistrar esta iniciativa parlamentar, o Goberno galego daba os datos e confirmábanse as sospeitas do grupo, e procedíase ao peche da praia da Concha en Vilagarcía e a de Canelas en Vilaxoán.
Para o grupo de En Marea, garantir ás galegas e galegos as mellores condicións para o baño na tempada de verán, nunha xeografía con tanta costa coma a nosa, é unha cuestión de saúde pública de primeiro orde, e non debería quedar descoidada en ningún momento. Por este motivo, e ante a confirmación das sospeitas denunciadas polo grupo, En Marea insta ao Goberno galego a intensificar os controis establecendo probas periódicas das augas de baño e que se faga chegar a información á cidadanía de xeito sinxelo e cunha linguaxe adecuada para garantir que estean debidamente informados.
Así, para En Marea ainformación pendurada na rede resulta totalmente insuficiente e o documento actualmente publicado foi xerado o 22 de xuño cando as praias levaban xa tempo ateigadas de xente. Para o grupo, de nada serve analizar a auga se logo a transmisión de información ás galegas e galegos non se fai de forma áxil, efectiva e con datos actualizados.