Estás aquí: Inicio » En Marea esixe ao goberno de Pedro Sánchez que a recuperación do Pazo de Meirás se efectúe de inmediato
En Marea saúda favorablemente a decisión do Consello de Ministros deste venres para a exhumación e traslado do dictador Franco do Valle de los Caídos, pero lamenta a non inclusión da recuperación do Pazo de Meirás no Real Decreto aprobado. En Marea considera que se debe aproveitar esta modificación da Lei de Memoria Histórica para garantizar que Pazo de Meirás sexa de uso e proveito público. Neste sentido En Marea esixe que o goberno adopte as medidas oportunas para reparar esta inxustiza con anterioridade á tramitación parlamentaria do Real Decreto-Lei polo que se modifica a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñece e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Desde En Marea consideran imprescindible a ansiada recuperación para o patrimonio público e rematar coa vergoña de que o Pazo de Meirás continue estando en mans dos herdeiros do ditador, sabendo que esta propiedade foi conseguida con violencia e extorsión resulta un insulto para a memoria democrática. O Estado español debe rematar con este expolio e homologarse aos países do noso entorno no trato ao seus dictadores e as súas propiedades adquiridas de xeito ilícito.
O goberno do Estado debe facerse cargo das reclamacións realizadas por moi diversos colectivos sociais e políticos e do acordo unánime do Parlamento Galego que insta ao Goberno ao inicio inmediato de accións xudiciais para a recuperación do Pazo de Meirás. Como destaca o voceiro no Parlamento, Luís Villares, “a memoria histórica non pode recuperarse de maneira selectiva”, no mesmo sentido o voceiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, declarou “ademáis de sacar os restos do ditador do Valle de los Caídos, hai que sacar á familia do ditador do Pazo de Meirás”.
En Marea esixe ao Goberno que con anterioridade á tramitación no Congreso do RDL de modificación da Lei de Memoria Histórica inclúa a recuperación do Pazo de Meirás e o seu destino a usos dotacionais públicos, petición que ten aprobado e solicitado do Goberno central a Corporación local de Sada por medio do seu alcalde, Benito Portela, para dar cumprimento ao vixente PXOM da localidade.
Tanto o Concello de Sada como En Marea entenden que a propiedade non pode permanecer por máis tempo en mans dos herdeiros de Francisco Franco, e continuarán traballando para conseguir que esta sexa posta a disposición da cidadanía e se destine a actividades relacionadas coa memoria histórica e co fomento da cultura da paz, da convivencia e da tolerancia que sirvan para a resolución de conflitos.