Estás aquí: Inicio » En Marea esixe ao goberno central a máxima celeridade na devolución a Galicia da AP-9
En Marea solicita que o goberno central actúe coa máxima celeridade para que a devolución da AP-9 a Galicia sexa unha realidade o antes posible. Así o asegura o voceiro da formación, que tras coñecer o anuncio da próxima eliminación das peaxes da AP-7 e da AP-2 esixe do executivo central do PSOE idéntica sensibilidade e rapidez de actuación para o caso galego. Luís Villares volveu criticar tamén a mordaza que o Partido Popular impón no Parlamento de Galicia a través do seu presidente, Miguel Santalices. E anunciou un endurecemento das accións de En Marea se esa actitude persiste. “Non imos tolerar isto”, asevera o portavoz de En Marea, que non descarta recurrir a instancias xudiciais se o responsable da Cámara continúa exercendo veto para evitar que os trapos sucios do Partido Popular sexan obxecto de debate.
“Queremos saudar a nova política do PSOE en relación ás concesións de autoestrados e convidámolos a facer o mesmo en Galicia e coa mesma rapidez”. Son palabras de Villares, que anuncia a intención de En Marea de volver levar ao próximo período de sesións o debate sobre necesidade de transferencia “inmediata” da AP-9 a Galicia. Unha petición moi concreta, para a que En Marea ten pensado mesmo nas posibilidades de financiamento existentes. “Xa explicamos con anterioridade de onde iamos sacar os cartos” para facelo posible, indica Villares, que lembra que os fondos destinados á construción da A-57 (un vial innecesario, pois transcorrerá en paralelo á AP-9) permitirían non só o rescate da autoestrada; senón tamén o seu mantemento durante os vindeiros 25 anos. “Queremos rescatar a concesión de maneira inmediata con cargo a ese diñeiro”, indica o voceiro de En Marea, que lembra que “1.200 millóns de euros son candidade de sobra” para acometer esa operación.
Luís Villares tamén volveu criticar o veto parlamentario que o Partido Popular ten imposto na Cámara co obxetivo de evitar toda crítica aos casos de corrupción destapados nas filas da formación conservadora. “O PP non pode seguir amordazando ao Parlamento durante o tempo que dura o casting á presidencia do partido condenado por corrupcion”, asegura o voceiro de En Marea, que asegura que a formación non consentirá que volvan repetirse episodios contra a liberdade de expresión parlamentaria. “A cidadanía ten dereito a que a Cámara debata as cuestións que lle afectan. E non podemos ser o único Parlamento de Europa onde non se poida falar da corrupción do PP”, asegura Villares.
Nesa Liña, o voceiro de En Marea xa adiantou a súa intención de recorrer a instancias xudiciais se o “trato desigual, partidario e de amiguismo propiciado por Miguel Santalices” volve repetirse. Villares lamenta que o presidente do Parlamento Galego se amose “máis interesado en utilizar a presidencia para defender aos seus amigos de forma absolutamente inapropiada”, como aconteceu no último pleno cando saiu a colación o tema de Baltar e as ofertas de emprego a cambio de favores sexuais. “Hai un problema, e é o nivel de normalidade con que o PP trata as institucións para o seu uso particular”, indica o voceiro de En Marea. A mesma actitude intolerable que lle permite a Telmo Martín continuar na alcaldía de Sanxenxo cunha condena á súa empresa, ratificada polo Tribunal Supremo, por traficar con vivenda protexida.
Luís Villares criticou duramente o proceder dun rexedor local que, tras unha operación que lles custou ás familias do barrio vigués de Navia 1,2 millóns de euros, continúa no seu posto “como se nada tivese acontecido. E todo porque Núñez Feijóo veu pontificar que fora votado nas urnas. Esa é a renovación do PP que avanza o aínda presidente da Xunta Núñez Feijóo. Se o avalaron as urnas, dá igual que trafique cun ben fundamental. Dá igual que se trafique con vivendas de familias traballadoras, de xente que traballa para acceder a un ben básico. Un alcalde condenado en vía administrativa por traficiar con vivenda de protección oficial estafando 1,2 millóns de euros a familias de Vigo ten o visto e prace do candidato a presidir o PP. Aí lles vai o merlo branco”, conclúe o voceiro de En Marea. Que asegura que a súa formación non vai “consentir nin que se empreguen as institucións en beneficio particular, nin tampouco que se empregue o PP e o Parlamento como escaparate das pretensións de Feijóo. Galicia necesita unha Xunta que goberne, un goberno que actúe en favor das maiorías sociais e un Parlamento sen mordazas”.
Posible marcha de Núñez Feijóo a Madrid
Preguntado sobre o silencio que nos últimos días garda o presidente da Xunta en relación á súa posible postulación á presidencia do PP estatal, Luís Villares asegura que non é ese o silencio máis preocupante do aínda responsable do goberno galego. “O problema é o seu silencio nos últimos dous anos. Mentres se debatía de financiamento, de infraestruturas, da AP-9, sobre o futuro Corredor Atlántico ferroviario, ante a sangría demográfica que afecta a Galicia…”, indica o voceiro de En Marea. Que tamén ve con preocupación a ausencia de posicionamiento de Núñez Feijóo sobre o recente anuncio de reintegración das autoestradas AP-7 e AP-2. “Nós queremos a mesma sensibilidade e celeridade para a AP-9, e o que non entendemos é o silencio de Feijóo ante os intereses de Galicia”, indica Villares.