Estás aquí: Inicio » En Marea esixe á Xunta que faga cumprir a concesión á Ferroatlántica e insta ao conselleiro a recibir aos traballadores como solicitan
O voceiro de En Marea, Luís Villares, xunto co vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez, e o deputado Francisco Casal, mantiveron unha xuntanza esta mañá cos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica en Cee para coñecer de primeira man a situación da factoría tras a paralización da actividade en dous fornos. Os traballadores trasladaron ao grupo de En Marea a súa preocupación por este feito e polo futuro da empresa en Cee, unha empresa que como destacou o voceiro de En Marea “é viable” polo que non se entende a negativa da empresa a informar sobre o seu futuro.
Na xuntanza puxeron de manifesto tamén a súa preocupación lugar pola necesidade de contar cunha regulación do sector electrointensivo, unha cuestión que está pendente en todo o Estado e que é precisa para evitar a competencia desleal non só a nivel de España senón de toda a Unión Europea como afirmou Luís Villares.
En segundo lugar, salientou a necesidade de que a Xunta de Galicia faga cumprir a concesión das eléctricas vinculadas ao futuro industrial da comarca algo que asegurou non está a suceder. “No caso de que a paralización dos dous fornos se fixera indefinida faría inviable a factoría de Ferroatlántica en Cee o que supón un incumprimento da concesión” asegurou Villares. Os traballadores e traballadoras manteñen que esta actuación da empresa responde a unha represalia polo feito de que a Xunta non autorizase o pasado ano a segregación das centrais con relación ao proceso industrial.
‘Non podemos admitir que a Xunta permita a unha empresa incumprir unha concesión que implica a utilización de bens públicos e por este motivo os traballadores reclaman unha xuntanza co Conselleiro de Economía para expoñer toda esta situación” trasladou o voceiro de En Marea. O grupo de En Marea comprometeuse en levar ao Parlamento todas as cuestións presentadas polos traballadores e instar ao Conselleiro a que os reciba o antes posible.
“Ferroatlántica é unha empresa viable e a factoría de Cee especialmente polo que non podemos permitir a perda dun so posto de traballo. A paralización da actividade de dous fornos está deixando na casa a día de hoxe a 60 persoas. Aínda que non exista un ERE formulado legalmente existe xa que se está a realizar mediante rotacións de persoal e non cobertura de baixas” concluíu o voceiro de En Marea.