Estás aquí: Inicio » En Marea esixe á Xunta que cubra de xeito inmediato as dúas prazas de médico do centro de saúde de Fene
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, visitou o centro de saúde Fene para coñecer de primeira man a situación que están a vivir na actualidade neste centro tras a perda de dúas prazas de médico. A primeira das consecuencias tal e como sinalaron desde o propio centro é o feito de que os actuais profesionais teñen que duplicar cun número diario de pacientes atendidos chegando ás cerca de 70 persoas atendidas por médico en cada quenda. As dúas prazas que están sen cubrir na actualidade son por unha xubilación e unha baixa que leva máis de 10 meses e que se prevé que se manteña por tempo.
Eva Solla tras reunirse co persoal do centro xunto coa concelleira de Eu en Fene, Maricarmen Martínez, trasladou o compromiso de En Marea de seguir a pedir no Parlamento de Galicia que se cubran estas dúas prazas neste centro de saúde. O que está a facer a Xunta é repartir os pacientes destes dous médicos forzando a outro médico a facer unha prolongación de xornada, situación na que leva xa 3 meses, e que a deputada cualificou como “indecente”.
“Non valen as excusas do conselleiro de Sanidade e do presidente da Xunta dicindo que non hai profesionais para contratar. Hai pero necesitan contratacións estables e de calidade” asegurou Eva Solla. Así mesmo, considerou que “non é normal” nin se pode aceptar que un profesional teña que atender a 70 profesionais diariamente como algo habitual, “esta non pode ser a normalidade no noso sistema sanitario”.
Eva Solla lembrou a manifestación en Vigo e tamén a concentración en Mugardos pero tamén todas as mobilizacións que se están a suceder por todo o país en defensa do sistema sanitario público porque “a xente non aguanta máis”.
A concelleira de EU en Fene, Maricarmen Martínez, demandou igualmente que se contraten médicos para cubrir estas prazas e coincidiu en negar as xustificacións dadas polo Presidente da Xunta de Galicia cando di que non hai médicos asegurando que si hai médicos pero as condicións que se lles ofrecen non son axeitadas e terminan por marchar de Galicia a traballar.