Estás aquí: Inicio » En Marea esixe a continuidade da comunidade terapéutica de Proxecto Home nas Cernadas
En Marea denuncia a cada vez máis precaria situación na que se atopa Proxecto Home e insta ao goberno galego a tomar cartas no asunto e a actuar ante a evidente falta de medios para atención das drogodependencias que padece Galicia. A formación fai súas as reivindicacións da Plataforma As 17 de Proxecto Home, e esixe que a Xunta actúe e non permita o peche da comunidade terapéutica das Cernadas.
O centro que Proxecto Home xestiona nas Cernadas é o único en Galicia que permite a convivencia de mulleres con trastornos de adición cos seus fillos e fillas menores a cargo. Unha singularidade que evidencia a súa importancia, e que convirte a esta comunidade terapéutica nun instrumento clave para o tratamento das drogodependencias e a reinserción social das que o padecen.
As situación que está a darse en relación con Proxecto Home ten permitido poñer o foco sobre a alarmante carencia de medios existentes en Galicia para o tratamento das adiccións. É por elo que a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao insta á Xunta a actuar coa máxima urxencia e a facerse cargo das necesidades asistenciais das persoas que as padecen.
Para En Marea non é de recibo que a única posibilidade de tratamento neste eido dependa dunha institución privada. A formación denuncia as evasivas coas que o goberno autonómico ten tentado eludir calquera implicación na preocupante situación de Proxecto Home. Fronte a ese desleixo, reclama un cambio no paradigma e esixe que esta atención pase a fornecerse coa máxima urxencia dende o sistema público.
“A situación que está a darse con Proxecto Home denota a carencia de medios dos que dispón a Xunta de Galicia para tratar estas problemáticas. Defendemos que sexa dende o sistema público que se forneza toda a atención necesaria, e ante as evasivas do conselleiro apoiamos as reinvindicacións da Plataforma As 17 de Proxecto Home”, indica Vázquez Verao.