Estás aquí: Inicio » En Marea esixe a compensación e restitución dos dereitos salariais do persoal docente galego
A deputada Luca Chao defendeu no pleno do Parlamento unha proposición non de Lei no pleno no que se insta á Xunta a equiparar o salario dos docentes e mestres galegos ao salario dos mellor remunerados do resto do Estado e recuperar para os docentes e mestres galegos os salarios que lles foron recortados durante a crise. A deputada de En Marea denunciou a falla de compromiso e preocupación por parte do Goberno de Núñez Feijóo coa educación das nosas fillas e fillos. Tanto é así que dende o ano 2009, que chegou ao goberno, o Presidente da Xunta non se sentou nin unha soa vez cos docentes para negociar con eles melloras das súas condicións laborais como salientou Luca Chao que engadiu que para o “que si tivo tempo foi para recortar, unha e outra vez, os seus dereitos”.
Así aconteceu co complemento específico das pagas extraordinarias eliminado polo goberno da Xunta, aplicado dende 2013 a 2017. Recorte que implicou que do 2013 ao pasado ano o colectivo docente galego perdera practicamente unha paga extra enteira cada ano transcorrido. Sendo os únicos de todo o estado que tampouco cobraron a parte autonómica nas pagas extraordinarias de 2016. Isto supuxo que os docentes galegos perderan desde o ano 2013 unhas cantidades que oscilan entre os 4.4480,64 euros para un mestre sen antigüidade e os 7936,12 euros para unha persoa catedrática con trinta anos de servizo.
Ou o recorte na cobertura das baixas laborais que estableceu que percibirán o 50 por cento das retribucións tanto básicas coma complementarias e a prestación de fillo a cargo, se é o caso, desde o primeiro ao terceiro día da situación de incapacidade temporal, con independencia de que sexa a primeira, segunda ou máis IT dentro do ano natural. Unha disposición que penaliza, incomprensiblemente, as enfermidades e doenzas do persoal docente. Pero non só iso, o Goberno galego négase a cubrir as baixas dos docentes nos primeiros quince días en que se producen.
Recortes “salvo para o profesorado de relixión que ese si que fai negocio co PP, calquera diría que gozan dunha auténtica bula papal que lles permite nada máis e nada menos que cobrar o seu salario sen impartir unha soa hora de clase”. Para os demais, aumentos de carga lectiva, aumentos de ratios, desconfianzas, abandono, desleixo.
Situación que En Marea considera especialmente grave no noso país porque as mestras e os mestres galegos son os segundos que menos cobran do Estado. Os docentes de secundaria afrontan un agravio comparativo semellante xa que son os terceiros con menor salario. A fenda salarial entre uns e outros é de ata 400 euros, no caso dos mestres e mestras, e de 500 euros, no casos dos docentes de secundaria.
Luca Chao denunciou que “neste momento o persoal docente galego é do que padece unha peor remuneración do Estado. E ademais, conxelacións salariais e recortes fan que hoxe as docentes e os docentes de Galicia estean por debaixo do que cobraban hai case unha década”.
Por este motivo, o grupo considera imprescindible a compensación e restitución dos dereitos de todas as empregadas e empregados do sector público, e por suposto, de todas as docentes de Galicia. Urxente que se avance na equiparación salarial. Máxime nun momento como actual, no que outros colectivos de funcionarios están conseguindo melloras substantivas das súas condicións de traballo, equiparando os salarios dos profesionais do conxunto do Estado, cómpre defender tamén os dereitos laborais dos docentes galegos.