Estás aquí: Inicio » En Marea esixe a comparecencia de Feijóo para explicar as súas mentiras despois de recoñecer que non existiu a auditoría que supostamente avalaba a fusión das caixas
O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, esixiu a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, despois de recoñecer a gran mentira que foi a auditoría que supostamente avalaba a decisión da fusión das caixas galegas. “A decisión económico-financeira máis importante dos últimos 30 anos no noso país foi tomada dun xeito chafalleiro e desde a máis absoluta mentira e sabendo que mentían como acaba de recoñecer Feijoo” denunciou.
Ten que deixar de ocultar a información aos galegos e galegas e aos grupos do Parlamento de Galicia como continúa a facer. De feito a información coas cuestións fixadas previamente polo Goberno galego na Carta de encargo segue pese a ser fundamental para saber que foi o que encargou á auditora. Na información aportada ao Parlamento de Galicia na pasada lexislatura na comisión das caixas no estaba e pese a ser requirida en diversas ocasións foi sempre negada por parte da Xunta. Agóchanse igualmente os informes técnicos da Consellería de Facenda que nomea a propia Marta Fernández Currás na súa comparecencia escrita onde fala destes informes e que non aparecen tampouco na documentación aportada.
“A cidadanía galega non merece un presidente mentireiro e sobre todo en cuestións tan importantes para o noso país no que tivemos que aportar 9.000 millóns de euros de diñeiro público para despois vender a prezo de amigo a un banco venezolano. O señor Feijóo ten responsabilidades políticas moi importantes das que debe dar conta no Parlamento de Galicia” concluíu o viceportavoz de En Marea no Parlamento.