Estás aquí: Inicio » En Marea enfronta a dobre cita electoral de maio ilusionada e convencida do músculo municipalista
A formación pon en valor o traballo feito nos últimos anos pola candidata Lidia Senra, e destaca a necesidade de seguir traballando para levar a Europa a voz da cidadanía e dos colectivos de Galicia
En Marea encara as eleccións munipais e europeas do 26 de maio con ilusión e forza, convencida da capacidade das mareas locais para impulsar o cambio cara un modelo político que poña o foco nas persoas. A formación enfronta con optimismo a próxima dobre cita electoral. E anuncia traballo para seguir avanzando na consolidación dunhas políticas ao servizo das maiorías sociais, tanto nos Concellos como en Europa.
“O 26 de maio iremos a por todas para conseguir un cambio real para o país. Estamos a pleno rendemento, do lado da xente nos municipios, das mareas locais que son o noso músculo. Queremos tamén unha Europa máis democrática e social, unha Europa que estea do lado da xente. Un proxecto polo que apostamos firmemente, porque sabemos que boa parte das cousas que afectan á nosa vida diaria decídense en Europa”. Así falaba este luns a vicevoceira Ana Seijas; que quixo “poñer en valor todo o traballo feito pola nosa candidata Lidia Senra nos últimos anos”, e anunciou a vontade de En Marea de continuar traballando para seguir “levando a voz dos colectivos e as demandas sociais ás institucións europeas”.
“A nosa voz nos Concellos” e “A nosa voz en Europa” serán os lemas da formación para uns comicios que a formación quere que sirvan para poñer a política ao servizo da cidadanía. “Saímos con forza, da man do cento de candidaturas espalladas por todo o país”, asevera Ana Seijas, que destaca a presencia de En Marea en catro das sete cidades galegas, a través de Lugonovo, Marea de Pontevedra, Ourense Mellor e Marea de Ferrol. Pero tamén en outras moitas localidades.
A vicevoceira de En Marea reivindicou o vínculo da formación co espazo cidadanista, e comprometeu traballo e apoio para as candidaturas municipais que o 26 de maio representarán ese proxecto “transversal e de aposta pola democracia. O feito de que existan case o dobre de mareas hoxe en Galicia demostra a aposta da xente polo modelo de En Marea. Porque na nosa construción está o cidadanismo e a vontade de entenderse, máis aló de siglas e partidos”, destaca Seijas.
“Apostamos por un modelo de país sustentable, pola transparencia, a rexeneración democrática e a xustiza social, atendendo á situación de emerxencia social que outras forzas políticas non teñen escoitado. A aposta de En Marea para as próximas eleccións é polo público, pola remunicipalización de servizos e a desmercantilización de bens públicos. Sabemos que outras forzas apostan pola privatizacón, e aí atoparanse de fronte con En Marea”, destaca a vicevoceira. Que pon o foco na necesidade de “mellorar a calidade de vida das persoas e o compromiso coa creación de espazos públicos amables, cun transporte sustentable e coa tan importante transición ecolóxica. Así como a defensa dos valores da igualdade que tamén defenden todas as Mareas locais. Esa é a nosa aposta, esta é a nosa forza, a xente que traballa conxuntamente a nivel local e que sabe mellor que ninguén cales son os problemas da cidadanía”, afirma Ana Seijas.
A vicevoceira de En Marea compareceu este luns acompañada polo responsable de Análise e Comunicación da formación. Xoán Hermida destacou a preocupación pola volta ao modelo bipartidista e o peche do ciclo de tránsito democrático aberto no 2011 no ámbito estatal. E apelou á responsabilidade das forzas progresistas que obtiveron representación nas eleccións de abril para formar goberno canto antes.
Hermida animou ao PSOE a ollar cara á esquerda. E instou a Podemos a antepor o interese xeral ao particular e ao reparto de ministerios. “Hai que priorizar e axilizar a investidura e separala do goberno”, asevera o representante de En Marea. Que confía en que os resultados electorais das xerais poidan dar paso ao goberno progresista que a xente pediu.
Xoán Hermida fixo referencia á preocupación da formación pola conformación dun novo escenario estatal no que non existe unha axenda galega. E instou ás forzas políticas de ámbito estatal a non deixar de lado o clamor que o 15m deixou nas rúas.