Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia que o PP paralizase durante dous anos a carga de traballo de Navantia co único obxectivo de tentar beneficiar á empresa do ex ministro Morenés
En Marea denuncia o inaceptable caso de corrupción institucional que supuxo a paralización interesada durante dous anos do proxecto de construción das fragatas F-111 na factoría de Navantia en Ferrol. Un retraso imposto polo goberno central do Partido Popular co único obxectivo de tentar incorporar ao proxecto inicial material bélico producido pola empresa do ex ministro Pedro Morenés. A formación esixe que se investigue a fondo unha situación que considera gravísima, e que supuxo deixar na estacada dende 2016 a arredor de 7.000 traballadores dun sector especialmente castigado pola crise e a falta de oportunidades laborais.
En Marea esixe que se investigue a fondo o retraso imposto polo Partido Popular dende o goberno ao proxecto das fragatas F-111 que debían ter comezado a costruírse na factoría de Navantia en Ferrol no 2016. Algo que non aconteceu debido á tentativa de modificar o deseño inicial para incorporar aos buques acordados os misís producidos pola empresa do ex ministro Pedro Morenés. “Queremos denunciar esta situación absolutamente inaceptable, un caso de corrupción institucional e de uso pernicioso das institucións que causou perda de carga de traballo nunha comarca especialmente golpeada pola crise e pola falta de oportunidades laborais”. Así o afirma Luís Villares, que tamén denuncia as mentiras do presidente da Xunta ao respecto, e esixe que Núñez Feijóo e o candidato do PP á alcaldía de Ferrol, Rey Varela, dean explicacións e se disculpen cos miles de traballadores que non pudieron traballar nos últimos dous anos por esta razón.
En Marea quere denunciar o tráfico de influcencias que supuxo paralizar un proxecto de construción naval fundamental para a comarca de Ferrolterra debido aos intereses particulares dunha industria militar da que formaba parte o ex ministro Morenés. Unha actuación que supuxo a paralización dun investimento de 16 millóns de euros. E que deu lugar a que o goberno do Partido Popular retrasase durante dous anos a construción, non redactando os pregos técnicos debido ao pulso de determinados sectores do PP, interesados en que se incluísen no proxecto indicacións diferentes das inicialmente previstas.
Ante a gravidade do acontecido, En Marea esixe luz e taquígrafos e reclama que se estuden as accións legais e penais pertinentes. Ademais, a formación reclama que se desenvolva de maneira inmediata o Plan industrial para a comarca de Ferrolterra, cunha dotación orzamentaria suficiente.
“É imprescindible recuperar o tempo perdido, aprobar o antes posible este plan industrial con financiamento suficiente e aproveitar a experiencia actual” pois, tal e como lembra Francisco Casal, “a maioría do persoal cualificado ten máis de 50 anos”. Nese senso, En Marea apostar por incorporar ao plan prazos suficientes e axeitados que permitan a necesaria transferencia de coñecemento. “Toda a enxeñería e bagaxe profesional de Navantia, Ferrol e Fene debe ser aproveitada. Non se debe aceptar un ERE que afectaría a unhas 500 persoas sen incluír ese período de transición”, destaca o deputado, que lembra os 1.800 postos de traballo que o sector industrial da comarca xa perdeu no último ano.
En Marea propón ademais que se axilice a construción do dique seco de Navantia en Caranza, “necesario para convertela nunha verdadeira factoría de barcos. Estamos desaproveitando as posibilidades existentes no ámbito do transporte de pasaxeiros e cruceiros. E tampouco se está desenvolvendo tecnoloxía propia, cando Navantia ten capacidade para facelo sen depender de terceiros”.
Por último, En Marea insta á Xunta a incorporarse ao Consello de administración de Navantia. Un paso “fundamental para garantir o axeitado control sobre o plan industrial e de financiamento. Xogámonos miles de postos de traballo”, indica o deputado, que tamén aposta por aproveitar as sinerxias con outras industrias, como a aeronáutica ou a do automóbil, para fortalecer o tecido industrial e incrementar a carga de traballo.
Perda dun contrato de 2.200 millóns
En Marea denuncia ademais a multimillonaria perda de oportunidades que supuxo a paralización da construción das nomeadas fragatas. E é que, tal e como explica o deputado Francisco Casal, “a finais de 2017 o goberno de Australia licitou un contrato de 22.200 millóns de euros para o que Navantia era o contratista preferente, e que se perdeu a consecuencia desta paralización”.
Na mesma liña, tamén o voceiro Luís Villares denuncia a inaceptable “perda de competitividade dos nosos estaleiros” que supuxo a actuación do Partido Popular. “Se a adxudicación das fragatas se tivera feito en tempo, en 2016, Navantia podería ter amosado ese encargo como carta de presentación para captar novos clientes, outorgándolle unha vantaxe competitiva que lle tería permitido optar a novos encargos”.
En Marea denuncia o inaceptable papel desempeñado por Núñez Feijóo que, “como bo recadeiro do goberno central, dixo que as fragatas non se executaban por razóns orzamentarias. Agora sabemos que era mentira: o que Núñez Feijóo estaba facendo era encubrir unha operación de interese privado. Vimos a un Núñez Feijóo que se dedicou a encubrir prácticas absolutamente rexeitables e que supuxeron supeditar toda a estratexia empresarial da comarca aos intereses dun compañeiro de partido”, critica Villares, que insta ao presidente da Xunta de Galicia a dar explicacións.
Solucións para Alcoa e crítica ás inxerencia no poder xudicial
Por outra banda, En Marea insta ao goberno a deixar de frivolizar coas propostas que poden dar solucións ao emprego industrial e a poñer enriba da mesa solucións que eviten o peche das factorías de Alcoa e a consecuente perda de postos de traballo. Luís Villares lembra que a intervención do goberno está amparada pola Constitución, e destaca que “non é comunismo senón actuar a favor do interese xeral. Gustaríame preguntarle á ministra se foi comunismo o rescate millonario da banca, que supuxo 36.000 millóns de euros que non van ser recuperados”, destaca o voceiro de En Marea. “Non podemos permitir que se peche unha industria prioritaria e estratéxica, que conta cun ciclo pechado en Galicia, para que entre polo porto de Vigo aluminio de Arabia Saudita”.
O voceiro de En Marea calificou ademais de “absolutamente inaceptable” o nomeamento de Manuel Marchena como novo presidente do Poder Xudicial pactado por populares e socialistas. “Parece que o PP e o PSOE non acaban de entender o que está pasando no estado español e o malestar que existe polas inxerencias políticas no poder xudicial”, lamenta Villares.