Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia que as políticas de depredación do PP poñen en perigo a condición de Patrimonio da Humanidade do Camiño de Santiago
Luís Villares sinala que o Goberno de Feijóo “practica unha pose de defensa do Camiño que non é real, mentres promove actuacións que atentan contra os seus valores”.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou esta mañá que as políticas de depredación levadas a cabo polo Goberno do Partido Popular están poñendo en perigo a condición de Patrimonio da Humanidade do Camiño de Santiago. Villares sinalou que a Xunta “practica unha pose de defensa do Camiño que non é real”, aprobando un plan acondicionamento do camiño o pasado xoves, mentres “promove actuacións que atentan contra os seus valores”. Así, citou varios exemplos de situacións que están poñendo en risco a Ruta Xacobea e sobre as que vén traballando En Marea, como a do parque das Sasdónigas de Mondoñedo, a da Ponte Ribeira de Sarria, a da mina de Touro-O Pino e a do mosteiro de Oia.
Nestes lugares “a Xunta autoriza, promove ou fai a vista gorda en actuacións que atentan contra os valores do Camiño en lugar de defendelos”, indicou o voceiro de En Marea, que engadiu que foi indicativo da importancia que Feijóo lle dá ao Xacobeo e á súa promoción turística e cultural o adianto da volta da súa viaxe a Estados Unidos porque “deixou colgadas a parte das persoas coas que tiña comprometida a súa axenda política en Estados Unidos para vir a un acto de partido”.
A continuación, Luís Villares trasladou a problemática concreta de cada un destes lugares tras realizar visitas aos mesmos. Así, detallou que nas Sasdónigas de Mondoñedo a construción de 2 parques eólicos produciu destrozos no trazado do Camiño Norte a nivel patrimonial, ambiental, e social “cunha aplicación da Lei de depredación ambiental a costa dos valores da ruta para favorecer intereses das eléctricas”. En Sarria, continuou Villares, a Ponte Ribeira, pola que pasa o Camiño Francés, leva desaparecida case 4 anos porque lle sacaron o taboleiro para facer outro, pero por cuestións electoralistas entre administracións segue igual e os peregrinos teñen que buscar outras rutas distintas ás orixinais do camiño, algo “especialmente grave” nunha das principais etapas desta ruta.
Do mesmo xeito, a explotación da mina de Touro-O Pino constitúe unha “afectación patrimonial, visual e acústica e compromete todos os valores ecolóxicos de Galicia para favorecer intereses dunha minoría”, destacou Villares. Neste caso, xa existe un informe negativo de Icomos, a organización sen ánimo de lucro que acredita se se manteñen os valores establecidos para determinar un monumento como Patrimonio da Humanidade, no que se recolle que a mina poría en serio perigo a continuidade do camiño con esta consideración. Por último, en Oia, Villares apuntou que existe unha afectación doble, o abandono do Mosteiro sen requirimento á propiedade para que fagan as labores mínimas de mantemento, e a desprotección total do conxunto histórico-artístico, cun PXOM que permite construír arredor deste conxunto de maneira depredadora.
Para Villares estes casos dan conta “dos intereses que realmente ten o PP con relación ao Camiño e os valores que forman a súa acción de goberno. As súas verdadeiras intencións son a esquilmación do territorio sen crear apenas emprego e favorecendo a estas empresas que destrúen o medio ambiente e o patrimonio e o abandono da xente que quere vivir deste recurso cultural e turístico”. O voceiro de En Marea anunciou que se solicitarán novos informes a Icomos e que En Marea trasladará iniciativas parlamentarias tras as visitas realizadas e os contactos establecidos con entidades e mareas locais para buscar que a Cámara se pronuncie a favor dos valores culturais, ecolóxicos e patrimoniais do camiño, “ignorados sistematicamente pola Xunta”.