Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia o recorte de 2.078 millóns de euros no orzamento galego desde 2009 “non pola economía nin a recesión senón pola ideoloxía neoliberal do PP”
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Manuel Lago, ofreceron unha rolda de prensa na que puxeron o foco de atención na tramitación dos orzamentos galegos que entrará proximamente no Parlamento de Galicia. O deputado Manuel Lago denunciou o recorte de 2.078 millóns de euros no orzamento galego desde 2009 o que supón “unha década de axuste permanente e recorte continuado con efectos demoledores contra á cidadanía”. “Hai que retroceder ao 2004 para atopar unha cifra tan baixa” afirmou.
Este recorte supón por tanto que Galicia conta cun 18 por cento menos de recursos, e que 1 de cada 5 euros foron deixados de xestionar por parte da Xunta. “Non foi por culpa da economía nin a recesión, foi a ideoloxía. A dia de hoxe temos o mesmo PIB pero menos recursos. Foi o ataque neoliberal contar o estado do benestar e o sector público” denunciou Manuel Lago.
Por áreas este recorte tradúcese en 556 millóns de euros menos para educación, 402 en sanidade, 295 menos no sector primario, 216 millóns menos en vivenda, 196 en emprego e 136 millóns de euros menos en cultura. Pero a redución chegou tamén ao capítulo de persoal con 500 millóns menos en persoal por parte da Xunta de Galicia o que se traduce en menos persoal e peores salarios e condicións laborais. En investimento a baixada chegou aos 1.300 millóns de euros menos. “Este é o tráxico balance do Goberno Feijóo” lamentou Lago.
Unha das causas que explican esta baixada de recursos é o devalo nos ingresos públicos para o que é preciso modificar o modelo de financiamento autonómico. “Necesitamos recuperar o orzamento, precisamos recursos e teñen que vir desta financiamento. Queremos 2.078 millóns de euros máis para o que ten que mellorar o autogoberno e maior soberanía” asegurou Manuel Lago. Esta será unha das demandas máis importantes dentro da Axenda galega do cambio e que o grupo de En Marea no Congreso falará co PSOE para os orzamentos de 2019, documento que se presentará ao Goberno do Estado no debate bilateral que manterá con En Marea.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, referiuse á entrevista ofrecida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esta fin de semana nun medio de comunicación lamentando que “en de dúas páxinas non había rastro de reivindicación de ningún tipo”. “Dicía estar traballando para outra década, recomendaríamos que traballara para o presente porque senón non se poden poñer bases de futuro” declarou Villares que aclarou que “a situación política que non se vai arranxar coa chegada de máis turistas nin polo Camiño Santiago nin polo AVE”.
No relativo ao financiamento autonómico, o voceiro de En Marea lamentou que o presidente da Xunta buscara unicamente unha foto con outros presidentes na súa xuntanza en Zaragoza “como se fósemos unha comunidade de segunda división” e anunciou que o seu grupo pedirá a comparecencia do Conselleiro para explicar que foron facer nesa xuntanza. “Non queremos acordos de segunda. Un país como o noso ten que esixir un trato financeiro xusto, somos unha nación histórica recoñecida” lembrou Villares.
O voceiro de En Marea concluí facendo referencia á reunión bilateral entre En Marea e PSOE nas que se tratará de poñer as bases do que En Marea cre un sistema de financiamento xusto baseado na maior autonomía e autogoberno, suficiencia de recursos para atender servizos fundamentais, e na cooperación para redistribuír a riqueza existente e así garantir dereitos.