Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia o manexo do PP no litoral coruñés ignorando ao concello para favorecer os seus intereses electorais
O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, denunciou o uso partidista das institucións que está facer o Partido Popular ao asinar un protocolo para os usos do porto da Coruña á marxe do Concello coruñés e que demostra que “o señor Feijóo está máis preocupado por lle facer a campaña a Beatriz Mato que de pensar no interese xeral”. Para En Marea un goberno responsable o que debería facer sería ter en conta a todas as administracións, entre elas o goberno municipal, para definir o futuro do borde litoral coruñés.
Chama a atención que a Xunta de Galicia que non ten competencia algunha en terreos de Portos do Estado se faga co 51 por cento dos terreos para ter dereito á bloqueo dos proxectos e en cambio a administración local que é a que ten as competencias para ordenar urbanisticamente o termo municipal quede fora deste acordo.
O protocolo asinado, coa información actual, non despexa que é o que vai a acontecer cos terreos de San Diego que supoñen o 80 por cento dos terreos do porto da Coruña sobre os que aínda pesa a ameaza de ser empregados para a urbanización con inmobles de ata 9 alturas, quedando no aire polo tanto o uso público desta zona como salientou o viceportavoz de En Marea no Parlamento. “O litoral non é un pastel para trocear, hai que facer unha visión global do que se quere facer cos terreos que van desde a Solaina ata San Diego” denunciou Sánchez.
Explicou así mesmo que o que reclama o seu grupo é que se respecte a proposta do Goberno local da Coruña, que sexa unha xestión dun órgano consorciado onde participe Concello, Xunta e Estado quen definan os usos públicos nestes terreos e non se destinen á especulación como era a intención do Partido Popular.
Antón Sánchez reivindicou a vitoria da cidadanía e do goberno da Coruña que conseguiron que “os mesmos que votaron a favor da privatización dos terreos portuarios entre eles Beatriz Mato na Autoridade Portuaria da Coruña favorecendo coa súa votación a privatización da Solana, ou de Núñez Feijóo que no 2004 asinou o convenio que supuña un pelotazo especulativo, agora son os mesmos que reclaman titularidade pública destes terreos, grazas a mobilización da cidadanía e a loita do Goberno local”.