Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia o delirante traspaso de fondos destinados a I+D+I ás obras do Edificio Fontán no Gaiás
En Marea denuncia o traspaso de fondos destinados ao fomento da I+D+I ás obras de construción do Edificio Fontán na Cidade da Cultura; así como o burato negro que continúa a ser o Gaiás, que acapara recursos públicos mentres o sector cultural galego e a educación reciben cada vez menos apoios da administración. O asunto foi abordado este xoves no Parlamento de Galicia; a onde o goberno galego deberá remitir os detalles sobre os gastos desagregados do proxecto de construción da nova sede do Consorcio Interuniversitario de Galicia grazas á iniciativa que En Marea conseguiu sacar adiante.
A deputada Ánxeles Cuña conseguiu o apoio dos grupos da Cámara para que a Xunta de Galicia faga público o informe sobre os gastos da nova sede do Consorcio Interuniversitario de Galicia que o goberno Feijóo planea construir na Cidade da Cultura. E é que En Marea dubida dos motivos económicos esgrimidos polo presidente do executivo autonómico á hora de optar por esta ubicación.
Cuña tilda de “cínicas” as razón do goberno galego, e destaca o “dano” que o proxecto megalómano do Gaiás xa leva suposto para as arcas públicas. “Feijó afirmou que a construción do edificio Fontán no Gaiás respondía ao sentidiño económico. Pois ben, a primeira medida que lle ditou o seu sentidiño tralo anuncio foi trasvasar 700.000 euros dos fondos de fomento da I+D+I para comezar as obras do edificio. E a Consellería prevé que teñan o mesmo destino ata 2,5 millóns de euros coa excusa de impulsar un complexo de I+D+I do sistema universitario galego”.
Para En Marea constituye “un absoluto delirio” que a Xunta pretenda enmascarar como impulso ao I+D+I a construción dun edificio administrativo, e denuncia a escasa execución orzamentaria que caracteriza a acción do goberno galego neste eido. No período 2009-2017 deixáronse sen executar máis de 215 millóns de euros en investigación e desenvolvemento. Algo que acontece “nun momento no que Galicia estaba padecer un éxodo masivo de investigadores e investigadoras, e onde moitos dos nosos mellares académicos se ven abocados á precariedade permanente. Unha absoluta irresponsabilidade”.
Mentres que en Europa o gasto medio por habitante en I+D+I se situaba no 2015 nos 593 euros; no conxunto do estado a cifra descende ata os 284; e en Galicia non pasa de 181. “Está claro que a Xunta non sabe que facer coa partida destinada a investigación”, e, en vista das cifras, non resulta extraño “que recorra a ela para tapar os buratos que aínda lle quedan á mal chamada Cidade da Cultura”.
Ánxeles Cuña destaca ademais a maior gravidade que implica o malgasto no Gaiás “se temos en conta a precariedade do sector cultural galego e o escaso apoio económico que recibe das administracións públicas”. Neste senso, a deputada de En Marea lembra que o gasto en educación é hoxe un 5% menor que o de 2009. As bibliotecas galegas están peor financiadas que as doconxunto do estado, e entre 2006 e 2016 Galicia perdeu 100 bibliotecas.
A deputada lembrou tamén que o número de libros editados en galego ten descendido ata o nivel máis baixo de 1996 ao tempo que aumentan os editados nos outros idiomas do estado. Ademais, a promoción do libro en galego minguou un 54%, e o gasto público neste sector descendeu un 52% entre 2006 e 2016. “E, ao mesmo tempo que isto acontece, o burato negro do Gaiás non fai máis que medrar e engulir diñeiro”.