Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia o compracente discurso de Fin de Ano de Feijóo e a súa falta de compromiso coas necesidades reais da cidadanía
En Marea denuncia o compracente e irrespetuoso discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta. Unha posta en escena totalmente desconectada da realidade política e social de Galicia, coa que Núñez Feijóo amosou o seu desinterese e a súa falta de compromiso coas necesidades reais da cidadanía que segue tendo problemas para chegar a fin de mes a pesar de que, tal e como se encargo de destacar o líder do Partido Popular galego, a Comunidade ten a día de hoxe o PIB máis alto da súa historia.
No seu discurso de Fin de Ano Feijóo amosou un absoluto desinterese por Galicia, tal e como demostra o feito de que ocupase case a metade do seu tempo en falar de Cataluña en lugar de facelo sobre os problemas que afectan ás galegas e galegos. Así o destaca o voceiro de En Marea, que denuncia o “exercicio claro de escapismo político e de desconexión cos problemas reais da xente” protagonizado por Núñez Feijóo.
Para Luís Villares resulta inaceptable que o presidente da Xunta dedique o seu discurso de Fin de Ano a presumir da riqueza de Galicia, restregándolle á cidadanía unha bonanza que non chega aos petos da maioría social. Núñez Feijóo di que “temos o maior PIB da historia, e nós preguntámonos onde vai esa riqueza, que está moi mal repartida, porque moita xente non chega a fin de mes”, lembra o voceiro de En Marea.
Villares amosou a súa decepción cun discurso co que o presidente da Xunta se amosou fachendoso de dirixir un país incapaz de garantir un reparto xusto e equitativo da súa riqueza. “Vemos un presidente satisfeito de gobernar para unha minoría e sen ter en conta as necesidades maioritarias do seu pobo”, critica Villares.
Logo de escoitar as palabras do presidente da Xunta, para o voceiro de En Marea resulta inevitable preguntarse onde vai a riqueza de Galicia. “Se somos tan ricos, por que non hai diñeiro para contratar persoal sanitario e evitar que a xente morra nos centros públicos sen recibir atención sanitaria, como aconteceu este verán no PAC da Estrada? Se somos tan ricos por que non hai diñeiro para que na xustiza se loite contra a corrupción política?”.
Villares pon o foco nos baixos salarios e na precariedade laboral que caracteriza o mercado laboral galego. E lembra os máis de 200.000 mozos e mozas emigrados, ante a ausencia de oportunidades laborais de futuro na súa terra.
O voceiro de En Marea lembra ademais a fenda salarial que continúa perpetuando unha inxusta e inaceptable diferenza do 29% entre o que cobran homes e mulleres. E anima ao responsable do goberno galego a explicar tamén “por que non se pagan pensións dignas. De todo isto estívose falando na rúa durante todo o 2018, e nin unha soa palabra do presidente da Xunta para toda a xente que se mobilizou e que defendeu uns dereitos que lles nega o PP, con Nüñez Feijóo á fronte”.
Así as cousas, para o voceiro de En Marea non cabe máis que desexarlle ao presidente da Xunta “carbón polo seu discurso de Fin de Ano”.