Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia desabastecemento nos comedores escolares que xestiona Gescor na provincia de Lugo
Lugo, 22 de setembro de 2018.- En Marea preguntará no Parlamento de Galicia pola situación dos comedores escolares na provincia de Lugo, cun inicio de curso no que se rexistraron desabastecementos que afectaron ás comidas dos escolares e que tiveron que ser solventados mercando as traballadoras os alimentos e facendo bocadillos para o alumnado. En Marea reclamará explicacións á Consellería de Educación sobre estes comedores xestionados polo Grupo Gescor, sobre que noticias ten a consellería sobre esta situación e sobre as medidas que tomará para evitar que volvan darse casos nos que os alumnos poidan pasar sen comer.
A deputada de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, sinalou que hai numerosos casos de comedores escolares na provincia de Lugo que rexistraron incidencias nos comedores escolares. Entre eles, salientou o sucedido no IES Basanta Silva, de Vilalba, no que o pasado 18 de setembro foi o persoal do servizo o que tivo que improvisar para garantir que os alumnos puidesen comer. As traballadoras tiveron que mercar os alimentos. No mesmo centro, o día 19, o alumnado xantou a base de bocadillo por falta de previsión, véndose afectados por esta situación medio cento de alumnos e alumnas.
Vázquez Verao sinalou que dende o Sindicato Labrego Galego se apuntaron incidencias similares no inicio de curso en centros como o IES Fonmiñá (A Pastoriza), no IES Enrique Muruais (A Pontenova) ou no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, co comedor desabastecido o que provocou problemas nestes centros para que o alumnado puidese comer con normalidade. Fóra da provincia, o mesmo martes día 18 de setembro viviuse unha situación similar de desabastecemento no colexio Bergantiños en Carballo.
O Grupo GESCOR xa foi obxecto de outras denuncias similares no resto de Galiza, entre as que rexistran a falta de pago de nóminas ao persoal do comedor, débedas a provedores e deficiencias na xestión do comedor, tanto no cobro a persoas usuarias como a falta de menús adaptados ou falta de material para prestar o servizo. A empresa foi sancionado con 17.000 € por parte da Xunta.
Ademais de preguntar no Parlamento de Galicia sobre esta situación concreta, En Marea propón que a consellería debe recuperar a xestión directa dos servizos de comedor posto que é un servizo esencial na Educación e a privatización do mesmo non deixa de acarrear peores menús, incidencias e irregularidades e falta de control por parte da Xunta.
Preguntas dirixidas á Consellería de Educación
– Non considera a Xunta que o Grupo GESCOR está a incumprir as condicións de prestación do servizo de comedor?
– No caso do IES Basanta Silva de Vilalba, ten constancia a Xunta de falta de funcionamento das neveiras?
– Ten constancia a Xunta das irregularidades na prestación do servizo de comedor escolar por parte do Grupo GESCOR na provincia de Lugo, con motivo do inicio de curso 2018-2019?
– Que actuacións ten previsto a Xunta adoptar ante esta situación?
– Vai a Xunta recuperar a xestión directa do servizo de comedor escolar?