Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia a falta de apoio orzamentario e o nulo interese do PP por facer cumprir o Pacto de Estado contra a violencia de xénero
En Marea denuncia o cinismo e a falta de compromiso do Partido Popular coa loita contra as violencias machistas. Un desleixo que evidencia a falta de apoio orzamentario e a nula iniciativa impulsada ata o de agora en relación ás medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. “Temos memoria, e durante meses o PP tivo bloqueado este Pacto de Estado. Difundíronse a través dos medios os 1.000 millóns de euros que iamos ter nos vindeiros cinco anos en relación con el, e meses despois non había nin un só euro orzamentado”, denuncia Paula Quinteiro, que insta ao goberno autonómico a tomar cartas no asunto e a asumir dunha vez por todas un compromiso real e efectivo coa loita pola igualdade igualdade e as reivindicacións feministas.
En Marea critica o discurso baleiro do Partido Popular en relación coa loita contra as violencias machistas. E é que máis dun ano despois da aprobación do Pacto de Estado, os orzamentos do goberno de Núñez Feijóo seguen sen contemplar unha dotación suficiente para combater as desigualdades. “É necesario dotar a toda se cada unha das medidas recollidas no Pacto de orzamento, e establezar unha calendarización clara para sacalas adiante. Non facelo é unha mostra intolerable de falta de vontade política”, asevera a deputada Paula Quinteiro.
Para En Marea resulta fundamental que a Xunta de Galicia deixe de lado as palabras e poña en marcha medidas reais e transversais, coordinándose tamén con outras administracións, que permitan avanzar no camiño cara a unha sociedade igualitaria e combater as violencias machistas. “Este é un problema de todas, e todas as administracións deben actuar coordinadamente, pois a situación non admite maior demora”, indica Paula Quinteiro, que insta a impulsar “accións concretas” que sustenten as boas intencións recogidas no Pacto e lle dean un traslado concreto ás políticas e accións o día a día.
Formación de xénero para corpos de seguridade e persoal xudicial
A deputada reclamou este martes no Parlamento o impulso dunha formación de xénero que evite as situacións violentas e a inaxeitada resposta que moitas mulleres vítimas de violencia machista atopan aínda cando se deciden a ir denunciar. “É certo que se ten avanzado en formación de xénero, pero segue a haber mulleres que non denuncian, e outras que teñen dificultades cando o fan, e iso non pode ser”, denuncia Quinteiro, que insta a fornecer formación específica para persoal xudicial e corpos de seguridade.
A deputada puxo tamén o foco sobre a carencia de persoal e medios que padecen boa parte dos CIMs de Galicia, e animou á Xunta de Galicia a implicarse de xeito activo e real e a traballar de xeito coordinado cos Concellos para reforzar o papel destes centros. Na mesma liña, a representante de En Marea salientou a necesidade de que a visión de xénero se teña en conta no conxunto de políticas desenvolvidas polo goberno autonómico. “Non poden vir falar de igualdade e conciliación cando reiteradamente recortan en dependencia, en sanidade, en educación. Recortes afectan de xeito especial á conciliación e ás mulleres. Cando sabemos que as reformas laborais incrementaron a fenda salarial. O machismo atravesa toda a sociedade, e os orzamentos e políticas públicas impulsadas durante anos non o tiveron en conta”, resalta Paula Quinteiro.
Medios de comunicación e máis recursos para análise e intervención social
Para En Marea resulta fundamental tamén que a administración galega dispoña os medios que permitan afondar na análise das violencias machistas e combatelas. É necesario “ir á raíz do problema, avanzar na reinserción laboral das vítimas, pero tamén actuar para rematar coa fenda salarial e poñer fin é dependencia económica que condiciona moitos dos casos de violencia”.
En relación aos medios de comunicación, a deputada lembra que o PP ten rexeitado no pasado iniciativas presentadas neste eido e destaca a resposta que xornalistas galegas están a adoptar, ante a falta de vontade de actuación do goberno galego neste eido. “Están a organizarse pola deixadez de funcións da administración neste tema, pois os medios seguen a reproducir estereotipos de xénero e a tratar como meros sucesos os casos de violencia machista”.
A deputada instou ademais á Xunta de Galicia a ter en conta as achegas do movemento feminista para avanzar na loita contra o machismo. “Este ten que ser un pacto do conxunto da sociedade que teña en conta as aportacións do movemento feminista, pois en demasiadas ocasións as mulleres non son escoitadas”, concluye Quinteiro.
DEPENDENCIAS XUDICIAIS ADAPTADAS
Máis aló do debate sobre o Pacto de Estado, e en vista da proximidade do 25 de novembro, En Marea leva ao pleno do Parlamento desta semana unha serie de iniciativas coas que pretende afondar no fomento da igualdade e a loita contra as violencias machistas en distintos ámbitos. A primeira delas pasa por reclamar a creación de espazos seguros nas dependencias xudiciais, que garanta a protección das vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e eviten as escenas desagradables e violentas á que estas deben enfrontarse, debido á actual inexistencia de áreas seguras. E é que unha das principais angustias das mulleres nos procedementos instados por violencia de xénero é cruzarse cos seus agresores, especialmente nos corredores dos xulgados nos actos das vistas, e no mesmo acto de declarar.
Para En Marea resulta básico garantir a protección das vítimas e evitar as intimidacións e ameazas que adoitan producirse neste contexto. Polo que propón reformar o deseño das instalacións xudiciais para habilitar salas específicas separadas, e reclama que se faciliten as comparecencias por videoconferencia desde salas anexas no caso das denunciantes.
UNIFORMES ESCOLARES NON DIFERENCIADOS E KELLYS
En Marea tamén insta ao Goberno galego a actuar para que os centros de ensino que empreguen uniformes non obriguen a un código de vestimenta diferenciado por sexo entre alumnas e alumnos, contemplando en todo caso a opción de que as alumnas poidan elixir acudir ao centro educativo con pantalón. “A escola é un espazo no que a día de hoxe se seguen perpetuando e transmitindo roles de xénero en virtude dos que as nenas de hoxe, as mulleres de mañá, aprenden a modelar comportamentos, desexos e actitudes”. Motivo polo cal a formación insta a rematar coa división de roles e a fomentar a educación en igualdade.
A formación insta ademais ao goberno galego a tomar medidas para mellorar as cada vez máis precarias situacións das traballadoras de limpeza da hostelaría, máis coñecidas dun tempo a esta parte como kellys. Un sector fundamentalmente feminizado que precisa de actuacións especiais en materia de prevención de riscos laborais. En Marea insta á Xunta a promover un modelo de turismo diferente, que non xere condicións laborais indignas, e a promover a elaboración de estudos epidemiolóxicos, accións de información e asesoramento técnico e accións de vixilancia e control, a través da Inspección de Traballo e Seguridade Social, sobre o cumprimento da normativa laboral.
“Deben reducirse o número de habitacións que debe facer cada traballadora, xa que na actualidade viven ritmos infernais. E por suposto, modificar o marco legal para evitar as externalizacións en servizos consolidados e avanzar na promoción dunha rebaixa da idade de xubilación para este sector, por razóns obvias”.