Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia a falla de propostas da Xunta para os sectores estratéxicos e reclama unha política económica que impulse o crecemento e xere benestar
O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, denunciou na sesión plenaria desta tarde para a aprobación do proxecto de orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, a práctica abusiva da lexislación vía Lei de Acompañamento. “ O goberno galego fai costume da excepción” asegurou Sánchez que lembrou que “nestes últimos anos ten sumido a lexislación de sectores estratéxicos a un enorme galimatías xurídico”. Así, no proxecto presentado polo Goberno galego esta mañá volven propoñer cambios transcendentes do solo de Galicia, a menos de tres anos da súa aprobación, na lei de ordenación da minería, “unha vez máis despois de facelo tamén coa lei de depredación”. “Modifícase a lei do sector eólico, a de montes, a de patrimonio, leis que foron reiteradamente modificadas nos últimos anos” denunciou Antón Sánchez.
O proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas debatidas na sesión plenaria de hoxe é, para o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, “n exemplo máis do proxecto neoliberal e falto de solucións para os sectores estratéxicos deste país, que busca só facilitar oportunidades de negocio para empresas en sectores que explotan os nosos recursos naturais, xeran pouca riqueza e emprego e escapan cos beneficios fora”. “A ausencia de proxecto de país faise patente na continua improvisación lexislativa con cambios constantes en leis fundamentais e cambios nas máis recentemente aprobadas” asegurou Sánchez que asegurou que moitos deses cambios son debidos tamén á falla de rigor á hora da súa elaboración.
No relativo á baixada de impostos, salientou que esta política beneficia principalmente ás rendas máis altas, “un exemplo é a insultante rebaixa do tipo impositivo de patrimonio”. Un exemplo de política fiscal regresiva cuxos efectos son a inxustiza fiscal e a perda de peso do público e das posibilidades de mellorar os servizos públicos pola perda de recadación fiscal.
En canto ás medidas administrativas, comezou pola cuarta modificación da lei do solo en dous anos e medio. “Si as modificacións, unha por ano, da LOUG do 2002 xa nos parecía moito, a nova lei que segundo a ex conselleira Beatriz Mato viña a aportar estabilidade, está a bater todos os récords” asegurou Antón Sánchez. Dende a súa aprobación en 2016 foron aparecendo de xeito disperso outras normas legais que incorporan modificacións da Lei do solo ou novas normas de natureza urbanística. Neste caso o que se propón, mediante a Lei de Acompañamento , é a introdución dun artigo que na práctica supón a privatización da xestión urbanística e do proceso de expropiación.
“Pola porta de atrás rescátase perversamente algo semellante á ao sistema de concesión de obra urbanizadora presente na LOUG 9/2002, e que se suprimiu na Lei 2/2016, e dicimos semellante porque esta redacción moito máis alá nas ansias privatizadoras no urbanismo. Parécese máis ao axente urbanizador valenciano que tanto deu que falar” remarcou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento. O obxectivo é volver a modificar cuestións transcendentes sobre o monte galego en cuestións que xa sufriron modificacións nos últimos dous anos,“ o que é o recoñecemento da constante improvisación lexislativa, de dar paus de cego e do fracaso nas políticas en relación co monte galego e nomedamente da política relacionada cos montes veciñais en man común”.
De especial relevancia o novo apartado 4 do artigo 59, e que permite, por acordo do consello da Xunta, a tramitación do cambio de uso de terreo forestal queimado, por indefinidas e indeterminadas razóns de interese público “derivadas de necesidades de ordenación e xestión sostible do territorio“, onde colle de todo. Tamén se modifican os criterios de cambio de uso agrícola a forestal sen ter consensuado co sector agrario, cando menos tal cambio, cando se trata, o da perda de superficie agraria un dos grandes problemas da nosa actividade agraria. Persístese na rebaixa das esixencias para a corta de madeira, coherentemente coa aposta por un modelo forestal non baseado na sustentabilidade. Nas SOFOR incorpóranse unha vez máis medidas, neste caso de especial relevancia a posibilidade de que dentro do seu perímetro poidan incorporarse propietarios de parcelas non forestais.
“A Xunta de Galicia non ten vontade de poñer en marcha políticas de dinamización do rural e de cooperación cos montes veciñais para reducir aqueles que non teñan unha boa xestión, e por elo propón prioritariamente medidas para que os montes en estado de abandono pasen a ser xestionados por entidades ou persoas alleas á comunidade a través do Banco de Terras cun camiño privatizador dificilmente reversible” asegurou Sánchez.
O proxecto de lei a Xunta de Galicia propón que as empresas mineiras que incumpran as súas obrigas de rehabilitar os espazos naturais danados pola súa actividade disporán dunha opción para rebaixar ata nun 80 por cento a multa que se lle impoña si acometen eses traballos tras ser denunciados. “Un favor máis ao lobby mineiro, algunhas de cuxas empresas seguen a ter a pasividade e complicidade do goberno galego cando incumpren a lexislación e atacan o medio ambiente” subliñou.
En canto a SOGAMA e despois da suba en 2014 dun 33,5 por cento do canon do lixo, coa xustificación mentireira do cambio do marco retributivo da electricidade, cando en realidade a xustificación era a ameaza da sentencia millonaria que finalmente se confirmou, pola reclasificación da planta termoeléctrica, o vencemento dos préstamos subordinados con Ga Natural-Fenosa e coa propia Xunta de Galicia e o vencemento do Project Finance. Unha vez concluídas ditas obrigas asumidas polo peto da cidadanía, a rebaixa quédase lonxe de compensar o pagado pola suba, e non se precisan ben qué teñen que cumprir os concellos para ter dita rebaixa xa que non será xeralizada como asegurou Antón Sánchez. Destacou ademais que na memoria do orzamento de SOGAMA si se contempla a rebaixa xeneralizada a todos os concellos, contradición que debe de ser aclarada. “Evidénciase unha vez máis o pouco diálogo cos concellos que ven como unha inxerencia o cambio proposto” sinalou.
“Mentres a Lei de depredación garante prazos a metade para que as eléctricas reduzan á metade os trámites para a implantación de parques eólicos, os gandeiros que opten a subvencións para plans de mellora, están pendentes de que a Consellería de Medio Ambiente tramiten as declaracións de incidencia ambiental, porque si non perderán as subvencións. Queremos un sistema que funcione para todos igual” defendeu Sánchez.
Na área da sanidade, destacou a parte do proxecto de lei na que se propón a creación da figura do profesional facultativo especialista de área, unha proposta non debatida nin consensuada cos profesionais e que foi moi contestada por estes. “Non se pode facer unha proposta deste calibre para tentar tapar anos de carencia nesta materia sen un mínimo diálogo co sector” criticou.
En resumen, unha vez máis o goberno galego utiliza a lei de acompañamento para facer modificacións transcendentais en diversas áreas que xa veñen sufrindo cambios normativos sucesivos, dispersión normativa que xera inseguridade xurídica e que sobre todo mostra a constante improvisación, falta de proxecto de país e falta de transparencia nestas decisións.
Outra das partes destacadas por Antón Sánchez foi a modificación da inclusión social de Galicia para incluír “a posibilidade de compatibilizar a RISGA con pequenos ingresos de actividade laboral” algo que preguntou porque non se fixo antes xa que “é inhumano que penalizara o emprego”. Para En Marea falta por modificar a posibilidade de compartir vivenda por parte de perceptoras, algo recoñecido por sentenza xudicial.
“Polo contido da presente lei e polo abuso da dispersión lexislativa efectuado por este goberno e intensificado nos últimos anos, contrario á racionalidade, simplificación e seguridade xurídica, e por ser instrumento para esquivar o debate profundo sobre políticas de grande transcendencia no país, En Marea oponse a este proxecto de lei” concluíu Antón Sánchez.
INCREMENTAR OS INGRESOS PARA INCREMENTAR O GASTO SOCIAL
O deputado de En Marea, Manuel Lago, foi o encargado de defender as emendas cruzadas do seu grupo ao proxecto de orzamento da Xunta de Galicia para o vindeiro ano. Na súa intervención fixo referencia a tres informes contradín o discurso do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no pleno de aprobación do proxecto de orzamentos de Galicia para 2019 como explicou na súa intervención o deputado de En Marea, Manuel Lago. O primeiro é do Instituto Nacional de Estadística que elaborou un indicador de calidade de vida en España tendo en conta 7 dimensións e 96 variables sobre as condicións materias de vida, a sanidade, o emprego, o traballo e outras, e no que Galicia é a ultima das dezasete comunidades do Estado. A última neste indicador de calidade de vida elaborado polo INE.
O segundo estudio e do BBVA é analiza a evolución do emprego nas diferentes comunidades autónomas do estado dende 2007. Galicia é a segunda con peor evolución, só Extremadura ten un resultado peor que nos.
O terceiro informe é o barómetro do CIS de outubro de 2018 que inclúe a pregunta sobre a opinión da cidadanía sobre a economía. Só o 3 por cento dos galegos creen que a situación económica e boa mentres que o 97 por cento di que é regular, mala o moi mala. Aínda mais, só o 8 por cento opina que estamos mellor que fai un ano mentres que o 84 por cento que estamos igual o peor.
“Hoxe, outra vez, vén de dicir que a economía galega saíu da recesión grazas a xestión eficiente do goberno Feijóo, que xa recuperamos o nivel de emprego e de benestar, que a débeda pública se reduce, que Galicia converxe con España, que o orzamento do ano que vén é expansivo, que xa temos un nivel de gasto similar ao previo á crise e que continúan as rebaixas fiscais que benefician á maioría das sociedade. Ningunha destas afirmacións se corresponde coa realidade” afirmou Lago que asegurou que Galicia sigue de forma mimética o ciclo económico do Estado, que pola súa vez comparte ciclo coa UE. A diferenza é que esta vez o crecemento económico apenas se traslada ao benestar. Temos o mesmo nivel de riqueza, pero está peor distribuída. Temos o mesmo nivel de riqueza pero menos emprego, máis precariedade laboral e peores salarios.
Unha das consecuencias mais graves da politica economica aplicada na recesión é o brutal retroceso do gasto publico, isto é, dos recursos para financiar o benestar das persoas e a capitalización do pais.
Non é certo tampouco como sinalou o deputado de En Marea que o nivel de gasto 2019 se aproxime xa o de 2009. Non o é. En termos nominais aínda estamos 661 millóns de euros por debaixo, pero en termos reais, cando se ten en conta a inflación, a diferenza é enorme: aínda faltan 2.000 millóns de euros para recuperar o nivel previo á recesión.
O orzamento de gasto non financeiro medra o 3,8 por cento en comparación con 2018 e polo tanto medra por debaixo de crecemento nominal do PIB previsto para 2019, polo que en ningún caso se poden cualificar de expansivos. “Son 363 millóns de euros máis pero apenas serven para ir tapando unha parte mínima do enorme burato de 2.000 millóns de euros que sufrimos dende 2009” asegurou Lago.
“Non é certo que a economía galega medre mais que a media española. Dende 2010 ata 2017, os datos do INE, o PIB medrou a unha taxa media do 0,7 por cento en Galicia fronte ao 0,8 por cento de media no Estado. Non medramos mais, medramos menos” denunciou. Menos crecemento que explica en parte que Galicia sexa a Comunidade Autónoma con peor evolución do mercado de traballo dende 2008, en todas as variable relevantes como actividade, emprego e paro.
Galicia medrou menos que a media do Estado e, sen embargo, aproximase nun punto dende 2009 a 2018 no PIB por habitante algo que se logrou grazas a regresión demográfica de Galicia. “Cantos máis habitantes perdamos máis converxeremos pero facémolo pola vía equivocada, a converxencia pasiva” explicou Manuel Lago.
Fronte á resignación, os recortes, o axuste permanente, En Marea demanda unha posición ambiciosa. “Galicia non ten un problema de exceso de gasto, todo o contrario, o noso problema é un o problema de falta de ingresos; e, polo tanto, este quinto ano da fase alcista do ciclo económico é o momento de reorientar a estratexia orzamentaria” defendeu.
Nese sentido, o grupo parlamentario presentou unha emenda, que ten dúas liñas básicas de actuación: primeiro, incrementar en 400 millóns de euros o nivel de gasto, actuando sobre as diferentes vías de ingresos; e, segundo, redistribuír o gasto que fai o Goberno, cambiando as prioridades do mesmo por un importe de 292 millóns de euros, cara ao gasto social e produtivo.
Para este incremento o primeiro que se tería que facer sería un incremento dos recursos procedentes do Estado, actuando sobre o sistema de financiamento autonómico e tamén sobre os instrumentos para o reequilibrio territorial. Segundo, un paquete de medidas fiscais co obxectivo de incrementar a recadación, actuando sobre as figuras tributarias que xa existen e creando outras novas. Terceiro, unha minoración selectiva e ponderada do actual nivel de beneficios, bonificacións e exencións fiscais. E por último, reforzar o Plan de inspección e loita contra a fraude fiscal.
Sumadas ambas as dúas cantidades, o que En Marea propón é destinar 692 millóns de euros a 18 programas prioritarios co obxectivo de aplicar unha política económica que impulse o crecemento e que o transforme en desenvolvemento económico e social real, baseado na economía produtiva, que traslade a maior riqueza a benestar da cidadanía, combatendo a desigualdade, a precariedade, a pobreza e a exclusión.