Estás aquí: Inicio » En Marea demandamos unha Renda Básica Universal como dereito social da cidadanía
Dende En Marea entendemos que a crise sanitaria e o confinamento provocan o empeoramento da crise social e económica que inda estabamos a vivir, polo que, diante desta emerxencia son necesarias medidas valentes, como sería a Renda Básica Universal, que xa demandabamos antes desta emerxencia sanitaria.
A Renda Básica supón un ingreso regular e suficiente (superior ao limiar da pobreza) para toda a poboación, sen ningunha condición e de recepción individual.
En Marea asumimos que esta crise superarémola entre todas, mais tamén entre todas temos que actuar diante da crise social e económica asociada, para non deixar a ninguén atrás.
Neste momento, e de cara ao futuro, haberá moitas persoas necesitadas de axuda urxente e o único xeito eficaz de prestarlla é mediante un ingreso inmediato, incondicional e suficiente. A experiencia demostrounos que non é eficaz aplicar políticas de austeridade, pois o aumento da desigualdade que provocaron é amplamente coñecido.
A Renda Básica non se debe limitar a ser unha medida para situacións de emerxencia senón para ter continuidade no futuro pois, segundo os estudos realizados, é unha alternativa viable que proporcionaría unha maior seguridade e liberdade a todas as persoas, contribuíndo a unha sociedade mellor.