Estás aquí: Inicio » En Marea demanda recursos sanitarios suficientes e políticas que favorezan o asementamento empresarial e fixen poboación en Curtis
En Marea demanda persoal sanitario suficiente para atender as necesidades de Curtis e reivindica a necesidade de políticas municipais que axuden a fixar poboación e contribúan ao asentamento empresarial. O voceiro, Luís Villares, reuniuse este martes con veciñanza, con membros de Asembleas Abertas de Curtis e con persoal do centro sanitario de Teixeiro para constatar as inaceptables carencias que padece a localidade.
O voceiro de En Marea puido comprobar en Curtis os graves problemas que padece a poboación local pola falta de persoal sanitario suficiente. Unhas carencias que afectan tanto á atención primaria como ao servizo de urxencias e á pediatría. E que se traducen nunha saturación das consultas que remata por dar lugar á desatención do PAC.
Tal e como o propio persoal médico explicou ao voceiro de En Marea e aos representantes de Asembleas Abertas de Curtis, os centros de Curtis e Teixeiro son os máis saturados de todos os servizos de atención primaria, con preto de 2.000 pacientes por médico”. Unha saturación que denuncia o candidato da formación local, Xosé Manuel Tomé. “Se temos en conta o avellentamento poboacional nestas zonas rurais, a situación empeora. Trátase dunha carencia que provoca listas de espera de ata unha semana en atención primaria, e que remata derivando aos pacientes das consultas ordinarias cara ao servizo de urxencias, que conta cun único equipo médico”.
Tanto En Marea como Asembleas Abertas demandan que se habilite un segundo equipo médico que remate dunha carencia estrutural que provoca que de xeito habitual o PAC quede ata tres horas desatendido cando o único equipo disponible ten que realizar desprazamentos.
No que se refire á pediatría, Villares e Tomé denuncian que unha única pediatra se vexa na obriga de atender aos centros de Curtis, Teixeiro, Sobrado e Présaras. “O que dá lugar a unha saturación tremenda, que en nada axuda tampouco a que as familias se poidan asentar na zona cando non contan con algo tan básico como é ver garantida a atención sanitaria dos seus fillos”. Tal e como explica o candidato á alcaldía de Curtis, que denuncia tamén “o caos organizativo que supón que as especialidades se despracen á Coruña, cando hai outro centro a metade de camiño que poderia prestar ese servizo, en Betanzos”.
Asentamento empresarial e ordenación do chan
Entre as demandas fundamentais da formación local figura tamén a necesidade de impulsar un ordenamento urbanístico e relativo aos usos do solo axeitado ás necesidades da localidade. Tal e como explica Tomén, non resulta comprensible que nun concello “no que a actividade agraria e a gandeiría son a principal fonte económica, que aporta máis do 50% da actividade económica, se impulse un plan urbanístico que elimina o solo de protección agrícola, co caos que iso traerá para todas as explotación agrarias. Entendemos que ten que efectuarse unha revisión urbanística e dos usos exhaustiva, pero en ningún caso actuar deste xeito”, denuncia Xosé Manuel Tomé. Que apunta á excepcionalidade que suporía para Curtis converterse “no único concello de Galicia en eliminar as ordenacións do solo, con fins absolutamente interesados por parte do alcalde”.
Asambleas Abertas de Curtis tamén se compromete a traballar para facilitar o asestamento empresarial nun concello moi ben comunicaco mediante vías de alta capacidade e cun polígono industrial. A formación denuncia o sistema discriminatorio que o goberno local ven aplicando á hora de conceder deducións ás empresas locais. Uns beneficios que se conceden unicamente ás grandes empresas, e que a formación local se compromete a mudar por un sistema que non desprece ás pequenas e medianas empresas, “as que asentan máis poboación e teñen máis actividade no noso pobo. Actualmente están excluídas da dedución municipal do imposto de construción e obras. Unha empresa de menos de cinco empregados que queira facer unha obra en Curtis non ten acceso a ningunha dedución. E sen embargo estas vanse incrementando xunto co volume económico de empresa. Chegando a darse ocaso de empresas que se beneficiaron de deducións de ata 1.260.00 euros. Unha cifra que representa os impostos que todas as pymes da localidade pagarían en máis de dez anos”.
A formación aposta tamén por impulsar o polígono industrial e activar o tecido empresarial mediante a creación dun viveiro empresarial.