Estás aquí: Inicio » En Marea demanda que a Xunta tome medidas ante o deterioro progresivo da asistencia sanitaria no Salnés
Eva Solla denuncia na Comisión de Sanidade a falta de cobertura das ausencias dos profesionais, o aumento da espera para Atención Primaria, o peche de camas no hospital e o estado precario das infraestruturas e o transporte.
A deputada de En Marea, Eva Solla, demandou hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento que a Xunta tome medidas ante o deterioro progresivo que se está a producir na asistencia sanitaria na comarca do Salnés, unha situación que “mostra claramente o problema global da atención á saúde en Galicia”. As deficiencias pasan pola falta de cobertura das ausencias dos profesionais, o aumento da espera para Atención Primaria, o peche de camas no hospital ou o estado precario das infraestruturas e o transporte.
Eva Solla sinalou que a non cobertura das baixas e dos permisos dos profesionais, incluso das xubilacións, “está producindo problemas obvios” nos centros de saúde de Cambados, da Illa de Arousa e do Grove. “Isto conduce a aumentar as esperas en Atención Primaria, fundamentalmente nas consultas de Medicina. Nas últimas semanas acumuláronse as denuncias dos pacientes por este motivo”, relatou Solla, que ademais citou o caso dun médico que tivo que dobrar quenda en Cambados, un exemplo que “desgrazadamente é a tónica habitual nunha sanidade pública afectada pola falta de previsión da Xunta”, mentres que “o sobre esforzo do persoal é un dos piares fundamentais que impide o derrube da asistencia”. A isto, únese tamén a falta de especialistas en pediatría, unha situación que ao igual que a anterior, “tamén é produto dos recortes e da mala planificación”.
En relación ás infraestruturas, “a Xunta incumpre sistematicamente os seus compromisos” no referente á construción de novos centros de saúde en localidades como O Grove ou Vilagarcía, e parece que a previsión do Executivo autonómico “é a de ter que soportar as carencias das que adoecen os antigos centros”, indicou a deputada de En Marea. É especialmente paradigmático o que ocorre na Illa de Arousa, xa que “non só non se construíu un novo centro, senón que as reformas que se fixeron, tiveron como consecuencia unha chapuza arquitectónica cun ascensor no que non caben as padiolas para trasladar as persoas enfermas”.
“Chove sobre mollado nunha comarca que non está dotada dunha ambulancia medicalizada, algo pedido durante anos pola poboación e o persoal sanitario”, continuou Solla. Ademais, permanecen de xeito practicamente continuo os peches de camas no hospital comarcal, cando en moitas ocasións é necesaria a súa apertura. “Son elementos de primeira necesidade, un dereito básico da cidadanía do Salnés e non hai motivo para ter todos os concellos da zona cunha atención sanitaria deficiente”, sentenciou.
Deste xeito, a deputada de En Marea considerou que o conselleiro se Sanidade “debería dimitir hoxe” xa que “non fixo máis que dar explicacións vacuas nos últimos plenos acerca de por que non está facendo ben o seu traballo”. Dende En Marea “consideramos que non está cumprindo cos mínimos requiridos para desempeñar as súas responsabilidades. É evidente á vista da falta de pediatras, de profesionais dos PAC e agora tamén das urxencias do 061”, finalizou.