Estás aquí: Inicio » En Marea demanda da Xunta recursos suficientes para Atención Primaria e Hospitalaria en coidados paliativos
Flora Miranda denunciou que na AP para os coidados paliativos existe unha sobrecarga horaria e que as profesionais teñen que formarse no seu tempo libre.
O grupo parlamentar de En Marea e a súa deputada Flora Miranda denunciou a actitude do Partido Popular ante un recente caso mediático de eutanasia que puxo en evidencia a necesidade de regulación. A deputada rexeitou que o PP impida a elaboración e posta en marcha dunha regulación para os casos de eutanasia no país.
Segundo a deputada: “O argumento que empregan no PP é que os coidados paliativos son suficientes para manexar o sufrimento das persoas que teñen un prognóstico de vida limitado”. Desde En Marea consideramos que os coidados paliativos son imprescindibles para dignificar a morte. Pero Miranda Pena lembrou que “unha porcentaxe significativa de poboación non ten acceso á hospitalización domiciliaria, de ámbito periurbán, quedando a atención das persoas que falecen no entorno domiciliario en mans das profesionais da Atención Primaria de Saúde”.
A deputada de En Marea rexistrou unha pregunta no Parlamento de Galicia sobre a dotación que asigna o SERGAS para formar o persoal da Atención Primaria para administrar estes coidados paliativos, á que o SERGAS contestou que está a formar o persoal da Primaria en técnicas de sedación. Flora Miranda lembra que está formación da que presume o SERGAS foi realizada no tempo libre das traballadoras.
Miranda Pena sinala que esta circunstancia contribúe a unha situación xa de por si insostible, xa que as profesionais deben facer fronte á unha sobrecarga de traballo inasumible, e mesmo traballar máis alá do horario laboral para atender as necesidades dos doentes. Desta forma, as condicións actuais da atención primaria de saúde non permiten unha prestación digna, respectuosa e co tempo e disponibilidade necesarios ante unha situación de elevada complexidade como é o proceso de fin de vida no domicilio.
Por todo isto, deputada reclamou, unha vez mais, unha dotación suficiente de recursos profesionais tanto na Atención Primaria como na hospitalaria.