Estás aquí: Inicio » En Marea defenderá a soberanía da cidadanía galega para tomar todas as decisións sobre o seu futuro
Tralo Consello das Mareas, Villares lembrou que esta formación “é a unica que ten as mans libres para defender os dereitos das galegas mentres as outras forzas progresistas están subordinadas ao goberno de Madrid”
Santiago, 8 de febreiro de 2020.- En Marea celebrou o seu Consello das Mareas, o máximo órgano da formación entre plenarios, para debater as estratexias sobre o escenario electoral aberto xa neste ano e o traballo a desenvolver nos vindeiros meses. As conclusións deste Consello reafirma a posición de En Marea como unha forza política soberana, plural, aberta, inclusiva e sen dependencias doutras formacións, nin no territorial nin no político. Segundo explicou Luís Villares, “En Marea é a única forza política progresista en Galicia que pode reclamar o que este país necesita, sen ataduras co goberno de Madrid, e sen outro compromiso que o da defensa dos intereses das galegas e galegos”. Villares tamén anunciou que o compromiso de En Marea de cara ás vindeiras eleccións tamén é “claro e contundente”. Segundo o voceiro: “faremos todo o posible para que Galicia teña un goberno de progreso despois das próximas eleccións”.
Para o voceiro de En Marea, “esta xornada de debate político é importante porque estamos reafirmando a idea da soberanía para a transformación social”. O voceiro explicou que a formación política defende a utilidade da soberanía “para defender todos aqueles eixos que son fundamentais para mellorar a vida da xente”. Detallou Villares que a soberanía é necesaria para que en Galicia se decida que é necesaria “a igualdade entre mulleres e homes, que nós decidamos como debemos protexer o medio ambiente no noso país, e tamén a soberanía sobre as decisións económicas que condicionan as políticas de redistribución da riqueza”. O voceiro sinalou que esta é liña de traballo fundamental de En Marea que agora “ten como horizonte inmediato unhas eleccións autonómicas e o que queremos explicar que para nós a cidadanía galega ten toda a importancia para decidir todo”. Villares apuntou tamén que soberanía é a capacidade de “decidir por nós mesmos e consideramos que as decisións máis urxentes son as do feminismo, as do clima e as da xustiza social”.
Luís Villares sinalou tamén que estas liña de traballo de En Marea serán a oferta fundamental de cara ás vindeiras eleccións. Indicou que esta formación “quere ser unha forza dialogante porque a capacidade de diálogo debe ser obrigatoria para todas as formacións políticas”. Engadiu que o que se busca desde En Marea é que se “respecte o ámbito de decisión da cidadanía galega pata atallar os problemas que ten agora mesmo o país” O voceiro explicou que quería ser moi claro sobre os hipotéticos pactos postelectorais: “por nós non vai quedar que haxa un goberno progresista en Galicia, falaremos con todas as forzas e chegaremos a acordos con todas forzas que sexa necesario porque o prioritario para Galicia é encontrar unha alternativa ao réxime de Feijóo”. Villares considera que a esa alternativa terá que ser “horizontal e cooperativa, de posta en común dos proxectos e respondendo ás ideas maioritarias da sociedade galega”. Lembrou o voceiro que forzas como o PSOE, Podemos e IU puideron facer gobernos de progreso frente ao PP nos anos 2015, 2016 e 2019 e non quixeron e desde En Marea non imos cometer torpezas como esa”. Luís Villares apuntou un asunto que será chave nas vindeiras elección e na vida política en Galicia durante os vindeiros meses: “En Marea é agora mesmo a única formación política progresista que non ten ataduras co goberno central: O PSOE en Galicia está supeditado a Madrid, Podemos debe obedecer o que di o seu goberno e o BNG non vai a opoñerse a un goberno que contribuíu a formar”. Villares lembrou que só En Marea “ten as mans libres para defender os dereitos da cidadanía galega”.
No Consello das Mareas debateuse un documento político sobre como operará a formación entre os eixos social e nacional e como se realizará a oferta política que realizará esta formación nas vindeiras eleccións autonómicas en Galicia. Foi a integrante da coordinadora, Mariló Candedo, integrante da coordinadora e nova deputada do grupo de En Marea no Parlamento de Galicia, quen explicou a posición da formación no debate entre o social e o nacional. Candedo explicou que xa desde o inicio de En Marea hai unha liña “absolutamente transversal entre o soberanismo e as preocupacións de carácter social que agora están resumidas nas tres emerxencias: a social, a feminista e a climática”. Mariló Candedo sinalou que desde En Marea non se considera que o eixo nacional e o social “sexan irreconciliables como se pretenden en algúns debates”, senón que son “conciliables e desde o inicio estamos traballando na superación deste falso dilema, que é un dilema interesado”. Candedo definiu como é o soberanismos de En Marea: “non excluínte, é dicir, un soberanismo que entende que é a cidadanía galega quen debe definir as súas necesidades, marcar as súas prioridades e o xeito de abordalas”. “En Marea é incluínte porque non se pide carné de ningunha organización para participar na vida política”.
Para a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, “En Marea é unha organización política que está preocupada polo futuro do país, vai haber unhas eleccións próximas en Galicia e seguimos pensando que a a política que En Marea pon sobre a mesa é diferente, é necesaria para o país e, sobre todo, é necesaria para que se produza ese cambio que as galegas levamos demandando tanto tempo”. Seijas sinalou tamén que outra das características de En Marea é “o seu carácter dialogante”. Engadiu a vicevoceira que o diálogo significa “estar atentos ao que xente di, ao que necesita, pero tamén ter en conta o panorama político, dialogar con outras forzas”. Apostillou que este diálogo con outras forzas políticas para En Marea “ten que ter sempre horizontal. Temos que falar e chegar a acordos, pero sempre terá que ser entre espazos que nos recoñezamos como iguais”.