Estás aquí: Inicio » En Marea convida á cidadanía a colaborar na elaboración do seu programa para Galicia
En Marea fai un chamamento para que a cidadanía se involucre na elaboración do programa electoral que a formación defenderá nas próximas eleccións xerais. Vigo acollerá o sábado unha convención aberta na que calquera persoa que o desexe poderá, previa inscrición, expoñer ideas e debater as propostas programáticas que Galicia precisa.
Ás 10 da mañá arrincará no Hotel Coia un encontro co que En Marea quere dar forma a un programa electoral aberto e participativo, que recollas as demandas da cidadanía e que realmente sexa quen de atender ás necesidades de todas as galegas e galegos. Trátase de elaborar unha proposta programática social, que amplíe dereitos e permita impulsar un territorio cohesionado e plenamente desenvolvido, capaz de ofrecer calidade de vida para o conxunto da veciñanza, tanto no urbano como no rural.
Trala presentación da oferta electoral de En Marea poranse en marcha catro espazos de traballo simultáneos, nos que os participantes abordarán cuestións relacionadas co estado e os dereitos sociais; sobre defensa dos recursos e do ben común; rexeneración democrática e liberdades públicas; e soberanía cidadá, plurinacionalidade e modelo de estado e política exterior.
Logo desa primeira posta en común organizada por áreas temáticas, arrincará unha segunda fase na que se abordarán necesidades e solucións para cada unha das catro provincias galegas. Un foro no que se abordará a situación, as carencias e as potencialidades das distintas zonas do territorio galego: e no que as participantes podrán achegar as súas ideas programáticas para as diferentes circunscricións.
O Encontro para unha Marea de Ilusión inclúe obradoiros para os activistas que participarán na próxima campaña electoral, e concluirá cun debate conxunto no que se porán en común os distintos aspectos abordados ao longo da xornada. É a receita coa que En Marea aspira a dar forma a un programa realmente vinculado coas necesidades das persoas, que atenda as demandas da cidadanía e se convirta no instrumento de desenvolvemento e xustiza social que Galicia precisa.