Estás aquí: Inicio » En Marea considera un “insulto” o contrato de estabilidade proposto pola Xunta como solución á grave situación da sanidade pública galega
O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualificou de “bodrio” e “auténtico insulto” a proposta de contrato de estabilidade presentada pola Xunta de Galicia como solución aos graves problemas que se están a dar na actualidade no sistema sanitario público do noso país. Asegura que non da resposta ás necesidades dos profesionais e o único que fai é “enquistar máis o problema”. “O único que están a facer é impor un contrato que non está negociado nin pactado para amparar os actuais abusos laborais aos que está sometido o persoal sanitario” denunciou Villares. “Estamos ante un verdadeiro atropelo e unha tomadura de pelo para as profesionais que abre á porta un novo déficit de profesionais” engadiu.
O voceiro de En Marea lamentou igualmente que a Xunta continúe a ignorar a situación que se está a dar nas urxencias dos hospitais galegos. “Non houbo reacción de ningún tipo fronte as denuncias formuladas por profesionais do servizo de urxencias do CHUS salvo a bravuconada de sinalar aos que están a sufrir a lamentable situación que viven diariamente nas urxencias do noso país” declarou Villares.
“O PP ESTÁ A BRANQUEAR AS POLÍTICAS MACHISTAS DE VOX”
O voceiro de En Marea referiuse tamén ao acordo asinado en Andalucía entre PP, Ciudadanos e Vox e as declaracións realizadas polo presidente galego. Villares asegurou que non existe un acordo de transparencia como queren facer ver se non todo o contrario, “hai un acordo sucio que traizoa os dereitos das mulleres”. “En democracia non vale todo e non cabe sentarse a falar con forzas políticas que están a negar dereitos básicos ás mulleres” afirmou Luís Villares.
“Non estamos dispostas a tolerar actuacións en contra da igualdade das mulleres e o PP o primeiro que fai e validar e branquear as políticas machistas de Vox” concluíu.
INTERVENCION INMEDIATA DE ALCOA
Noutra orde de asuntos, o voceiro de En Marea volveu a esixir ao Goberno do Estado unha solución inmediata para o conflito de Alcoa e subliñou o evidente trato desigual por parte tanto do PP como do PSOE con determinados sectores. Así lembrou o rescate á banca que se produciu tanto co goberno de Rodríguez Zapatero como co de Mariano Rajoy, e que supuxo un investimento de máis de 50.000 millóns de euros públicos dos que 38.000 o propio Banco de España da por irrecuperables. Outro exemplo sinalado por Villares foi o rescate das autopistas madrileñas con máis de 300 millóns de euros públicos. “¿Cales son os motivos para intervir cando se trata da banca ou das construtoras e non cando se trata de salvagardar os empregos e a industria en Coruña e Avilés?” preguntou o voceiro de En Marea.
“Esiximos ao goberno do Estado que acorde de xeito inmediato a intervención de Alcoa para garantir a súa viabilidade e os postos de traballo na Coruña e Avilés” declarou Villares quen lembrou que este tipo de actuacións están lexitimadas pola Constitución no artigo 128.2 e tamén polo dereito da Unión Europea como informou a comisaria de competencia europea ante a unha actuación similar do goberno francés.
POLITICAS REAIS DE VIVENDA
Outro dos temas nos que En Marea centrará o seu traballo nas vindeiras semanas será a política de vivenda reclamando da Xunta de Galicia políticas reais que garantan o acceso a unha vivenda digna a todas as persoas, algo que non está a acontecer. Este pasado sábado En Marea celebrou de feito a súa primeira xornada en materia de vivenda onde se puxeron de manifesto os problemas actuais nesta materia. Villares salientou entre outras cuestións o incremento do 16 por cento dos prezos de aluguer nos últimos anos e tamén do número de desafiuzamentos fronte a tendencia á baixa do resto do Estado. A causa desta diferencia en Galicia asegurou débese a “falla de políticas de vivenda por parte do Goberno galego”. Así, destacou o fracaso da estratexia de mobilización da vivenda baleira que so logrou que se acolleran 16 vivendas en toda Galicia ou as contías ínfimas que se están a destinar ao aluguer social.
Por todo isto, o voceiro de En Marea reclamou “políticas de vivenda para xente que está a ser desafiuzada pese a que non pareza preocupar a Núñez Feijóo pero si a En Marea, e que se impulsen aos alugueres sociais”.