Estás aquí: Inicio » En Marea considera positivos os movementos das forzas progresistas galegas para acadar unha candidatura única
Unha semana despois de que En Marea propuxera unha candidatura única progresista galega para as vindeiras eleccións xerais para dar representación as galegas e galegos nas Cortes, insistimos no chamamento a conseguir alianzas coas forzas galegas sen exclusións nin vetos
A decepción xerada tralo fracaso do PSOE e Podemos na conformación de goberno abre unha opción a que Galicia recupere a súa voz no Congreso, na busca dun goberno de transformación que poña no centro os dereitos das maiorías sociais, o feminismo e a ecoloxía.
A actual fragmentación do espazo político nacional galego non contribúe a conseguir representación para o noso país. Hai que ser claros: a existencia de múltiples candidaturas fainos perder a todas e, sobre todo, fai perder a Galicia dunha oportunidade excepcional para participar na reconfiguración da política estatal.
Afortunadamente, os movementos dos últimos días en diversas organizacións galegas abren a porta a que este diálogo poida fructificar para superar a actual fragmentación. Tanto os acordos da Conferencia Nacional de Anova como o último plenario de Compromiso por Galicia facilitan que este diálogo poida fructificar e ter como resultado representación galega nas Cortes.
Polo tanto, reiteramos a necesidade dun diálogo franco, sincero e sen exclusións entre os diversos actores galegos con vocación de construción dunha candidatura nacional. Neste tempo de urxencia, apelamos novamente á responsabilidade das forzas progresistas galegas e tamén a movementos sociais, mareas municipais e diversos actores individuais na busca da conformación dunha candidatura galega ampla, que permita recuperar a ilusión en boa parte da cidadanía galega que, nun escenario de división, probablemente se dirixa á abstención.