Estás aquí: Inicio » EN MAREA CONDENA ROTUNDAMENTE O PROCESAMENTO DE 13 DIRIXENTES CATALÁS
Tras coñecerse a decisión do Tribunal Supremo de procesar a 13 dirixentes catalás, entre as que se atopan o candidato á presidencia da Generalitat, Jordi Turull, os exconsellers Raúl Romeva, Josep Rull e Dolors Bassa e a expresidente do Parlamento catalán Carme Forcadell, dende En Marea condenamos rotundamente a vía represiva adoptada polo estado español e solidarizámonos e estaremos ao carón destas persoas encadeadas e que padecen esta inxusta represión, así como dos espazos que representan.
Vivimos nun contexto de involución democrática sen precedentes: Nos últimos tempos somos testemuñas de cómo se reprime o disenso político, atacándose á liberdade de expresión, criminalizándose protestas e mobilizacións… Asistimos así a un recrudecemento da persecución pola vía penal de ideas e/ou posicionamentos políticos lexítimos que lembran a escuros tempos pasados.
Neste procesamento vemos unha evidente persecución ideolóxica e política, así como unha grave vulneración de dereitos civís fundamentais.
Non nos resignamos. O dereito a decidir non pode ser criminalizado. Os ataques á democracia non poden deixar indiferente a ninguén, xa que nos interpelan a todas as que cremos na democracia, a xustiza social e as liberdades.
Dende En Marea esiximos a liberdade dos presos e presas catalás e o regreso dos exiliados e exiliadas. A defensa dos dereitos humanos e universais debe primar no noso país.