Estás aquí: Inicio » En Marea comprométese a duplicar o orzamento en I+D+i
En Marea comprométese a duplicar o orzamento en I+D+I e a impulsar a reforma do Estatuto do Persoal Investigador en Formación para rematar coa precariedade e aportar estabilidade. Así o aseguraron o voceiro Luís Villares, e as candidatas ao Congreso e ao Senado pola Coruña Ana Seijas, Alba Nogueira, Adrián Dios, Mariló Candedo e Pablo Meira, na xuntanza mantida con representantes da Asamblea de Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela. “Non queríamos rematar a campaña electoral sen reunirnos con eles para coñecer as súas demandas e para demostrarlles que apostamos por eles”, afirmou a cabeza de lista ao Congreso.
En Marea comprométese a traballar para que o orzamento destinado a I+D+I se duplique na vindeira lexislatura. Luís Villares criticou que na actualidade non se está executando sequera a metade do previsto. “E aínda que se executase na súa totalidade sería insuficiente. Dende En Marea apostamos por duplicar o orzamento en I+D+i atendendo ás recomendacións da OCDE porque aspiramos a ser un país que poña por diante o coñecemento, que faga avanzar a ciencia e o benestar social”, concluíu o voceiro.
Entre as propostas de En Marea figura tamén a reforma do Estatuto do Persoal Investigador en Formación. Así como un plan de choque que asegure o relevo xeracional nas universidades galegas. “É preciso priorizar o saber, o coñecemento e a investigación”, reivindica o voceiro.
No referente á reforma do EPIF, a proposta de En Marea pasa por respaldar orzamentariamente o nomeado estatuto para, tal e como destacou Villares, “garantir unha mínima dignidade salarial e as indemnizacións ao final do contrato”.
“Queremos asegurar o relevo xeracional nas universidades galegas”. Así explicou Luís Villares a necesidade do plan de choque proposto dende a formación, que se baseará na supresión da taxa de reposición e na estabilización das persoas investigadoras unha vez que remata o seu periodo de formación.
Estatuto Electrointensivo
Luis Villares tamén falou de Alcoa e do Estatuto Electrointensivo proxectado polo goberno central. O voceiro calificou como de “vergoñenta a situación. Non imos ter unha modificación do estatuto das electrointensivas por un órgano onde hai xente sentada do PP, do PSOE e de Ciudadanos”, denunciou o voceiro de En Marea.
“De cara o domingo haberá que escoller se se aposta por aqueles que estamos de lado dos traballadores, da industria e da cidadanía ou por aqueles que están a favor duns poucos”, concluíu Villares.