Estás aquí: Inicio » En Marea comprométese a defender en Madrid as políticas do cento de mareas locais que concorrerán ás municipais
En Marea comprométese a levar a voz de “quen máis ordena” ás institucións do estado. É a garantía que o voceiro deixou en Compostela este 25 de abril. Unha xornada na que a formación arrincou o seu penúltimo mitin de campaña, celebrado no Centro Sociocultural das Fontiñas, entoando o “Grândola vila morena” e repartindo dous centos de cravos entre os asistentes.
En Marea comprométese a abandeirar en Madrid as demandas do municipalismo, a seguir traballando da man da cidadanía, ese “pobo que máis ordena”, para situar as problemáticas de Galicia no centro do debate político. “En Marea será a defensora en Madrid do cento de mareas locais que van cambiar Galicia nas vindeiras eleccións municipais. Igual que será a defensora do traballo de Compostela Aberta e da Marea Atlántica”. Así falaba o voceiro, Luís Villares, que puxo o foco na necesidade de impulsar proxectos que permitan avanzar na xustiza social, na recuperación de dereitos e na mellora da calidade de vida das galegas e galegos.
Villares destacou a necesidade de acabar coa corrupción do PP, “como fixo Compostela Aberta en Santiago. En Marea quere rematar coa corrupción do Partido Popular. Por iso apoiamos a moción de censura que botou a Rajoy e os seus chanchullos do goberno”, asevera o voceiro. Que volveu poñer en valor o firme compromiso e o contrato social que a formación ten coa cidadanía galega. “Queremos sumar, participar da gobernabilidade do estado mediante a conformación de maiorías de progreso e mellorar dereitos para toda a cidadanía do estado. Pero de ningún xeito imos ser un cheque en branco”, destacou unha vez máis.
Na recta final da campaña electoral, o voceiro de En Marea e a candidata ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, lembraron as orixes dunha formación fortemente vinculada ao cidadanismo e aos movementos sociais, que “ten o seu cerne no municipalismo e que o defende como o espazo político máis próximo á cidadanía. Por iso En Marea é e será a formación que máis defenda o municipalismo, e será a voz dos concellos galegos en Madrid”.
Ana Seijas, que tamén é responsable de municipalismo da formación, puxo o foco na permeabilidade que caracteriza o modelo político de En Marea e reivindicou as súas orixes vinculadas ao movimiento cidadanista da man de Amesnovo. A candidata destacou os valores compartidos entre En Marea, “o 15m e as loitas sociais xurdidas nas rúas nos últimos anos: o movemento en defensa das pensións, o 8m, a defensa dunha sanidade pública e a loita ambiental e contra o cambio climático que supón o novo 15m protagonizado pola xente máis nova”. E comprometeuse a defender o feminismo e os dereitos das mulleres no Congreso.
Pola súa banda, a candidata ao Senado pola Coruña, Mariló Candedo, destacou a vital importancia de que Galicia conte cunha voz forte e soberana nas institucións do estado. “Temos que ter voz propia e soberana para sermos produtivos na construcción doutro modelo territorial do estado, dialogando con outras forzas para chegar a acordos en pé de igualdade”, reivindicou.
Candedo incidiu na necesidade de recuperar dereitos e avanzar na senda da xustiza social mediante uns orzamentos que inclúan financiamento suficiente para pensións, prestacións sociais e dependencia. “Ese é o espazo de En Marea, e aí reside a nosa forza e funcionalidade: para axudar na conformación de maiorías de progreso e de xustiza social que impidan a continuidade e a radicalización das políticas conservadoras e recentralizadoras”, afirmou.
A candidata ao Senado tamén fixo fincapé na aposta de En Marea por mellorar a educación pública, “un dereito fundamental que debe estar garantido por un financiamento suficiente do 7% do PIB”. Candedo reivindicou a necesidade de incrementar as bolsas e suprimir a suba das taxas universitarias “co horizonte da consecución dun acceso gratuito ao ensino universitario”. E reclamou unha nova lei educativa que substitúa á LOMCE e que “estableza un marco de maior participación democrática para unha maior autonomía dos centros”. Así como educación infantil de 0 a 3 anos “pública, universal e gratuíta”.