Estás aquí: Inicio » En Marea compromete unha batería de medidas para garantir o acceso a unha vivenda digna
En Marea comprométese a traballar para garantir o dereito de acceso do conxunto da sociedade a unha vivenda digna e por modificar o marco normativo e paralizar de xeito inmediato os desafiuzamentos. “É necesario garantir a permanencia na vivenda. Dende o público debe garantirse que ningunha persoa quede sen casa, e que os Servizos Sociais asuman o seguimento das persoas que se atopan en risco de verse nesa situación para garantir tamén a cobertura doutros gastos básicos como a manutención”. É o compromiso que esta tarde deixou sobre a mesa Luís Villares, que tras reunirse en Santiago con colectivos relacionados coa defensa do dereito a unha vivenda digna participou nun mitin en Ames coas candidatas de En Marea pola Coruña para o 28A.
“Queremos limitar a capacidade que teñen os fondos de inversión para acaparar vivenda en España. Un fenómeno que está produciendo unha alteración seria do mercado, incrementando os prezos de xeito desorbitado, tanto da compra como do aluguer”. Así o explica Luís Villares, que apostamos apor “rematar con esa rapiña” e anuncia tamén a intención de En Marea de sacar adiante un programa de vivenda pública en aluguer.
A proposta de En Marea pasa por poñer a disposición da cidadanía todos os pisos baleiros que permanecen en mans de entidades bancarias rescatadas. “É necesario que todas esas vivendas se destinen a fins de interese social, porque se fixo un rescate con diñeiro público. Se antes se rescatou aos bancos agora é necesario rescatar ás persoas”, reivindica Luís Villares.
Os plans de En Marea en materia de vivenda complétanse con programas específicos de aluguer social destinados á xente moza que favorezan a emancipación. E que exista unha reserva de solo para a adquisición dun parque de vivenda pública con promoción da rehabilitación para ser destinada a aluguer social.
“As políticas que impulsou o Partido Popular en materia de vivenda, tanto dende Galicia como no conxunto do estado foron desastrosas. Non se garantiu vivenda digna, e pódese falar de que o PP desafiuzou á xente moza da posibilidade de emanciparse. Tampouco o PSOE reaccionou ata agora en relación ás necesidades da mocidade e das clases máis desfavorecidas á hora de poder ver cumprido o artigo 47 da Constitución que garante o dereito a unha vivenda digna”, lamenta o voceiro de En Marea. Que compromete os esforzos da súa formación nese sentido.
Segundo a estadística do Consello Xeral do Poder Xudicial, o ano pasado houbo un repunte dos desafiuzamentos dun 18% en Galicia por impago do aluguer. “Mentres que a tendencia do conxunto do estado e á baixa, aquí vemos a tendencia inversa. Ese perfil lévanos a pensar en xente moza e traballadores en precario, que ao verse repentinamente sen emprego non poden facer fronte ao gasto do aluguer, e as normas actuais o que fan é lanzalos á rúa”, criticou o voceiro de En Marea.
Luís Villares tamén falou da cancelación do debate electoral a cinco que estaba programado en Antena 3 debido a unha reclamación de Esquerra Repúblicana e do PNV en relación á inclusión no mesmo de forzas políticas que actualmente non teñen representación a nivel estatal. “Entendemos que a exclusión é xusta, porque efectivamente non hai unha testaxe electoral do que supón Vox neste momento. O que nos gustaría é que outras forzas políticas que si teñen notoriedade electoral, como é o caso de En Marea en Galicia, tivesen a representación que merecen”. O voceiro lamentou as recentes decisións da Xunta Electoral, que ten optado por non recoñecer a representación con que efectivamente conta En Marea nas institucións. “Somos a segunda forza parlamentaria en Galicia e fomos inxustamente excluídos dos espazos públicos por entenderse que era a primeira vez que nos presentabamos ás eleccións”, denuncia Villares, que considera inxustificado que a En Marea se lle teña esixido recoller avais para pode concorrer aos comicios do 28A.
Pola súa banda, dende o Centro Sociocultural de Bertamiráns a cabeza de lista ao Congreso pola Coruña destacou a necesidade de levar ata Madrid de xeito claro as tarefas pendentes do estado con Galicia. “Para avanzar como país precisamos investimentos, infraestructuras que non nos deixen atrás e que permitan a cohesión social e territorial. Só así haberá desenvolvemento económico e futuro para Galicia”, afirma Ana Seijas.
No mitin celebrado en Ames, candidata de En Marea puxo o seu esforzo ao servizo da defensa do feminismo e da consecuencias da igualdade real entre homes e mulleres. E comprometeu traballo arreo nas institucións do estado para conseguir impulsar a Galicia vertebrada e de oportunidades na que cre En Marea. “Porque está moi ben poder ir a Madrid en 4 horas, pero non podemos ir a Lugo nin a Ferrol en tren. A maior parte dos concellos galegos van ver un tren que pasa moi rápido, pero non o van poder coller… E dende En Marea, a vida querémola aquí”, asevera Seijas.
A candidata coruñesa lembrou tamén a necesidade de impulsar políticas comprometidas coa defensa ambiental e que contribúan a frear o cambio climático. E destacou o vínculo de En Marea cos movimentos e reivindicacións sociais, co espírito do 8m e do 15m. “O segundo 15m é a loita da mocidade para frear o cambio climático, que está nas rúas todos os venres en moitas cidades esixindo que non lles roubemos o futuro. Debemos darnos conta xa dunha vez de que o cambio climático é a maior ameaza á que se enfronta a humanidade en toda a súa historia. Levantade a man os que tendes fillos menores de 18 anos. Eu pregúntovos, e a min mesma: que lles imos respotar dentro de 30 anos cando nos pregunten, vos sabiades o que estaba a acontecer e non fixestes nada para evitalo? Non temos Galicia B. Non temos Planeta B”, indica Ana Seijas.
Pola súa banda, a candidata ao Senado, Mariló Candedo, puxo o foco na necesidade de “darlle volta á educación, porque estes últimos anos foron os do abandono da educación pública, o abandono da universidade, da investigación. O abandono por parte do Partido Popular de todo aquilo que distinguía a educación pública como ferramenta para facer un país mellor”. A cabeza de lista pola Coruña comprometeuse a traballar para conseguir recuperar o investimento perdido para facer posible un ensino público de calidade, universal e accesible, en igualdade de condicións.