Estás aquí: Inicio » En Marea, co NON inicial aos orzamentos, abre unha liña de diálogo co Goberno para que rectifique e inclúa todas as prioridades da Axenda Galega do Cambio
Ana Seijas e Mariló Candedo
A dirección de En Marea deu a coñecer esta mañá as prioridades e liñas de traballo do espazo para os vindeiros meses, trala reunión da Coordinadora. Estas prioridades serán: os orzamentos xerais do Estado, as eleccións Europeas e as Municipais, explicaron a vicevoceira de EM Ana Seijas e a responsable de relacións interinstitucionais Mariló Candedo.
Sobre os orzamentos do Estado, Candedo explicou que “temos un non enriba da mesa pola desproporción que hai para Galicia nos orzamentos respecto a outras rexións, e polo esquecemento dalgunhas cuestións prioritarias para o país”. Aínda así, a dirección de En Marea abrirá unha liña de diálogo co Goberno de Pedro Sánchez, e para a cal “estamos elaborando un documento técnico-político sobre a base da Axenda Galega do Cambio. Neste documento, estableceranse as prioridades para a negociación”, dixo Candedo que anunciou que o vindeiro sábado, na reunión do Consello e da Coordinadora, pecharase o texto xunto coas deputadas de EM no Congreso. E, “dependendo da receptividade do Goberno ás nosas propostas estableceremos a nosa posición. Estamos abertas, pero partimos dese non que anunciamos a semana pasada”, concluiu a responsable de relacións interinstitucionais do espazo.
Pola súa banda, Ana Seijas informou de que a dirección de En Marea está traballando nunha candidatura galega, nunha candidatura de país que defenda os intereses de todas as galegas, centrada nas necesidades de cara a Europa de toda a sociedade galega, non só dunha parte. Para iso, “xa iniciamos o diálogo con diversas formacións políticas que compartan con nós os principios dunha Europa das persoas, que poña en primeiro lugar o social, e nunha Europa democrática”, aclarou a vicevoceira que precisou que os acordos serán con forzas que entendan o espazo político galego ou a plurinacionalidade do Estado. “Queremos ir nunha coalición o máis ampla posible que permita ás galegas ter voz en Europa”, incidiu Seijas.
As propostas de posibles alianzas, xunto ao documento político, serán consultadas ás persoas inscritas que serán tamén as que decidan, as candidatas que van representar a En Marea en Europa.
A Coordinadora tamén explicou que a terceira das prioridades son as eleccións municipais, e para iso o espazo xa traballa nun Banco de Ideas para unha construcción cooperativa e colaborativa coas mareas locais, e tendo tamén en conta as aportacións que fan desde as mareas sectoriais. A Coordinadora xa está a recibir as diferentes achegas, e no mes de febreiro organizaranse uns encontrontros deslocalizados de participación. “Un espazo participativo no que teñen cabida todas as inscritas e onde decidirán cales serán esas liñas que van ir a ese Banco de Ideas”, aclarou a vicevoceira. Trátase dun espazo onde amosaremos as nosas apostas en diferentes áreas e “cal é a idea de concellos que queremos, e depois serán as mareas locais, en base a ese espazo común colaborativo programático e ás súas necesidades, as que escollan aquelas cuestións para engadir ao seu programa”, dixo Seijas.
O Banco de Ideas é un documento dinámico que non se pecha, “porque sempre estamos abertas a incorporar todas aquelas cuestións que son relevantes para os concellos cos que estamos a traballar”, indicou a vicevoceira. Tamén, anunciou que no mes de marzo haberá un encontro municipalista onde se presentará todo este traballo no que participarán as persoas inscritas e todas as mareas locais que concorrerán aos comicios baixo o paraugas e a compaña de En Marea.