Estás aquí: Inicio » En Marea chamamos a apoiar a Acción Global polo Clima
Inda que hoxe a crise máis urxente é a sanitaria, a emerxencia climática que En Marea temos como un dos nosos eixos centrais segue sendo unha realidade. Abordar a emerxencia climática e frear a perda de biodiversidade son grandes urxencias do noso tempo.
O cambio climático, o quecemento global, son consecuencias directas dun modelo de produción e consumo que continuamente se demostra incapaz de satisfacer as necesidades vitais das persoas, precarizándoas e poñendo nunha situación de vulnerabilidade á gran maioría da poboación mundial. Ante esta situación, debemos modificar radicalmente o noso modelo de producir e consumir, pois foi o que nos trouxo á emerxencia ecolóxica e social actual.
Precisamos un novo modelo de produción e consumo no que prime a vida, as persoas e a protección dos recursos naturais. Precisamos un modo de vida climática e socialmente xusto, dentro dos límites naturais do planeta. Precisamos cambios estruturais.
Apostamos pola potenciación da cohesión social e da solidariedade, así como do sector público e do rural. Apostamos tamén pola protección das persoas máis vulnerables, establecendo unha renda básica universal, para que ninguén quede atrás, e pola redución e transformación da mobilidade de persoas e mercadorías, axustándoa á necesaria, minimizando o uso de vehículos privados e fornecendo as infraestruturas e os servizos do transporte público e compartido.
Entendemos que os investimentos propostos para a saída da crise polo COVID-19 deberían aproveitarse tamén para mellorar a soberanía alimentar e enerxética, que deberiamos traballar relocalizando e reorientando a economía cara a agroecoloxía, a redución do consumo enerxético a través de aforro e eficiencia, dunha transición socialmente xusta cara as renovables, dunha minimización e correcta xestión dos residuos e a relocalización das industrias que se precisen para levalo a cabo.
Actuemos para frear a emerxencia climática e previr máis pandemias. Actuemos para cambiar o sistema que nos trouxo a este desastre.
Animámosvos a todas e todos a participar na manifestación de luces e sombras, convocada para hoxe ás 22:00h.