Estás aquí: Inicio » En Marea avisa de que a proposta de Estatuto condena o futuro das grandes empresas electrointensivas galegas
Pancho Casal: Na proposta actual de Estatuto as empresas poderían reducir o seu emprego nun 85% e seguir a cobrar as axudas. Quen apoie este Estatuto está firmando a acta de defunción de Alcoa.
A proposta de Estatuto para a industria electrointensiva está moi lonxe de poñer solución ao problema das grandes empresas galegas. O deputado de En Marea, Pancho Casal, denunciou esta mañá que segundo o texto presentado as axudas e as reducións de peaxes estarán repartidas entre máis de 600 empresas, a maioría en Cataluña e no País Vasco, e das cales soamente 25 son verdadeiramente electrointensivas. Nestas últimas atópanse as galegas Alcoa, Ferroatlántica, Celsa, Megasa, Aluiberica e Showa Denko Carbón.
Nesta liña En Marea propón separar o Estatuto en dúas categorías, as electrointensivas e as hiperelectrointensivas e modular as axudas en función do impacto dos custos da electricidade nos seus custos totais. Segundo o deputado é ineficaz e inxusto metelas a todas no mesmo saco, pois hai “25 empresas que necesitan as melloras de custos da electricidade para a súa supervivencia, mentres que para o resto sería só unha mellora de competitividade e de rendibilidade”.
Pancho Casal tamén bota de menos no Estatuto que se aposte polo mantemento do emprego como unha condición necesaria para poder acollerse as axudas, algo que non recolle a proposta actual e que remataría por aceletar o peche das industrias galegas: “As empresas poderían reducir o seu emprego nun 85% e seguir a cobrar as axudas. Quen apoie este Estatuto está firmando a acta de defunción de Alcoa”.
Casal lanzou un chamamento a todos os actores implicados a ser conscientes de que con este estatuto a industria galega quedaría nunha situación insostible: “Agardamos que todos os sindicatos e partidos políticos sexan conscientes que con este Estatuto Alcoa e o resto de hiperelectrointensivas galegas están condenadas ao peche a curto prazo”. Por último asegurou que un despropósito destas características non se pode entender doutro xeito que como “un obxectivo do Goberno do Estado”
PROPOSTAS DE EN MAREA PARA GARANTIR O FUTURO DAS NOSAS INDUSTRIAS ELECTROINTENSIVAS.