Estás aquí: Inicio » En Marea atribúe ao fracaso do plan de seguridade viaria da Xunta o incremento do 40% da sinistralidade nas estradas galegas
O deputado Marcos Cal denunciou a situación alarmante que amosan os datos rexistrados cos gobernos do PP, cun aumento do 25% da mortalidade no último ano
En Marea atribuíu este venres o incremento dun 40% da sinistralidade nas estradas galegas entre o 2011 e o 2017 ao fracaso do plan de seguridade viaria da Xunta. O deputado Marcos Cal cualificou a situación de alarmante ao terse rexistrado ademais un aumento do 25% da mortalidade no ano 2018. A situación é aínda máis grave ao ver a evolución destas cifras nos últimos anos, xa que houbo un descenso continuado da mortalidade entre 2003 e 2013, cando se racha esta tendencia e comeza o repunte. Concretamente, entre 2008 e 2018 faleceron 1278 persoas na rede galega. “É un problema de primeira orde que precisa toda a atención posible”, sinalou Cal, que remarcou que a tendencia descendente rachou desde a posta en marcha do primeiro plan de seguridade viaria de Feijóo no ano 2011, algo que fala “claramente dun fracaso” e reclamou a apertura dun diálogo para elaborar un novo plan.
Marcos Cal lembrou que En Marea xa realizou dúas preguntas á conselleira Ethel Vázquez e anunciou novas iniciativas para que “deixe de estar agochada e dea a cara. Ela respostou que todo funciona ben e non hai previsión de cambio. Obviamente isto non é así, á vista dos datos”. Deste xeito, En Marea levará unha interpelación ao pleno do Parlamento e ten rexistrada unha petición de comparecencia.
O deputado de En Marea enumerou os tres factores que inflúen na sinistralidade e avanzou as propostas da formación para intervir en cada un deles. Con respecto aos condutores, considerou que se está fallando na formación e na sensibilización e que o formato do carné de conducir debe ser revisado para traballar máis este aspecto. Neste sentido, En Marea propón incrementar as campañas continuadas de sensibilización sobre as causas máis habituais de accidente, o exceso de velocidade e o uso do teléfono móbil, ademais dun plan de concienciación en seguridade viaria destinado aos centros de ensino. “Feijóo investiu máis de 20 millóns de euros a dedo en publicidade institucional dende que é presidente. Se parte dese diñeiro se inviste en sensibilización, podemos salvar vidas”, asegurou Cal.
O segundo dos factores serían as estradas, cuxo mantemento “non é o adecuado e atópanse en mal estado” debido á caída dos orzamentos tanto da Xunta como do Estado destinados a esta materia, indicou Marcos Cal. Ademais sinalou que hai “un problema de adaptación á normativa existente que xera moitas situacións de perigo, con vías principais que atravesan núcleos moi poboados. Deberían buscarse formas de facer circunvalacións”, apuntou o deputado de En Marea. No caso do eixo atlántico, onde se rexistran máis accidentes, apuntou que “temos a posibilidade de facelo coa AP9. Non ten sentido que a Xunta non fixese un estudo aínda do que custaría recuperar esta autopista”.
No tocante aos vehículos, Marcos Cal incidiu en que a “a situación de precariedade da cidadanía polas políticas da Xunta repercute na falta de renovación”. Lanzou ademais a proposta de impulsar un plan de dinamización do transporte público, que inclúa un estudo para implantar un tren de cercanías, co obxectivo de reducir o número de coches nas estradas. Así mesmo, reclamou a transferencia das competencias de tráfico a Galicia, que “debido ás características propias do país sería moi positivo”.