Estás aquí: Inicio » En Marea aspira a consolidar a súa presenza en Europa e nos Concellos para impulsar as políticas progresistas que a cidadanía demanda
En Marea aspira a seguir contando con voz en Europa e a consolidar a súa presenza nos Concellos para impulsar as políticas progresistas que a cidadanía galega demanda. A formación pecha a dobre campaña electoral reivindicando o traballo feito nos últimos cinco anos pola eurodeputada Lidia Senra, que fixo posible que máis de 500 representantes de distintos colectivos galegos puidesen falar sen intermediarios na Eurocámara. Así como o papel decisivo das Mareas municipais para impulsar gobernos locais valentes e capaces de mellorar a calidade de vida das maiorías sociais.
O voceiro e a candidata ás eleccións europeas de En Marea-Compromiso por Europa pechan a campaña facendo un chamamento para que o domingo a cidadanía galega escolla a única opción política que garantirá a defensa dos dereitos e o benestar das galegas e galegos. Lídia Senra lembra que e papeleta da candidatura á que representa non foi enviada por correo aos domicilios dos electores galegos. E anímaos a buscar este domingo o sobre de votación de En Marea nos colexios electorais para que Galicia continúe contando con voz en Europa.
O traballo realizado por Lidia Senra nos últimos 5 anos fixo posible que máis de 500 persoas vinculadas a distintos colectivos viaxaron a Bruxelas para defender loitas decisivas para Galicia e os seus sectores produtivos, como a soberanía alimentar, a importancia das abellas como axentes polinizadores, o municipalismo, as violencias machistas, a defensa do patrimonio cultural, as pensións, o feminismo, a Política Agraria Común, a pesca, a mocidade ou a defensa da calidade do aire, a auga e a terra. A candidata lembrou as máis de 1000 intervencións orais e escritas realizadas nas sesións plenarias da Eurocámara, así como as máis de 300 preguntas escritas á Comisión Europa. E apelou á confianza das galegas e galegos par poder continuar a partir do 26 de maio o camiño iniciado.
Tamén o voceiro de En Marea reivindicou o traballo feito por Senra en “representación dos intereses, dereitos multisectoriais e dereitos das galegas e galegos. En toda a historia da Eurocámara non houbo unha soa deputada que levase a cabo unha actividade con tal movemento de persoas, representación plural de voces e inquedanzas sociais”, destaca Villares.
O voceiro fixo un chamamento para que “cando o domingo a xente vaia votar escolla a papeleta das Mareas para os municipios e para Europa, porque a suma desas dúas papeletas será a garantía da firme defensa dos nosos intereses”. Villares lembrou todo o que Galicia se xoga en Europa. De cuxas decisións dependen cuestións de vital importancia, como os recortes impulsados poñendo como excusa o artigo 135, as pensións, ou a capacidade de producir do sector naval, o pesqueiro ou o agro.
Luís Villares destaca ademais o papel decisivo das Mareas municipais. “Non nos presentamos como un proxecto colateral. Queremos ser o proxecto central que vehicule as demandas das clases medias e das rendas máis baixas. Non viñemos á política ser un simple apéndice pola esquerda do PSOE, un Pepito Grilo que lle lembre que debe facer políticas de esquerdas. Vimos ser unha alternativa integral, a forza maioritaria que mereza a confianza da poboación de cada localidade. Queremos gobernar para todo o mundo. Fronte ás políticas sectarias do PP, onde os Concellos só tiñan dereito a investimentos da Xunta cando gobernaban os da súa cor política, nós queremos gobernar para todas”.
O voceiro reivindica a firme aposta das Mareas locais coas políticas progresistas. Unha axenda firmemente comprometida co benestar social que ningunha outra forza, nin aínda as que se din progresistas, ten asumido ata o momento. Nese senso, Villares lembra a defensa do espazo mareante da implantación dunha renda básica municipal que garanta a cobertura das necesidades de toda a cidadanía. “En termos de xustiza social, aqueles que se dicían progresistas non foron quen de formular políticas sociais coa excusa de que non había competencias. Nós cremos que non había excusas para facer políticas sociais e contribuír a paliar as carencias dos que máis o precisan dende os Concellos”.
Mais aló da necesaria colaboración interadministrativa, o voceiro de En Marea destaca a firme vontade dos espazos municipalistas vinculados á formación de impulsar políticas de vivenda pública buscando acordos coa Xunta de Galicia que permitan “mellorar as condicións de vida de persoas en situación de emerxencia social ou vítimas de maltrato”. Así como pola remunicipalización de servizos básicos que nos últimos anos foron privatizados polos gobernos municipais do PP e do PSOE. Que optaron por deixar en mans de empresas privadas unha xestión e calidade que debía ser asumida e garantida polos propios Concellos.
“Tanto dende o estado como dende a comunidade autónoma débense consolidar e ampliar dereitos sociais. Pero mentres non acontece lanzámonos a facelo dende os Concellos”, reividica Villares. Que lembra o plan impulsado pola Marea Atlántica na Coruña para establecer un servizo municipal de guardería de 0 a 3 anos.
Nestes eleccións máis de 40 novas Mareas municipais optan a representación nos Concellos galegos. “Para nós sería un bo resultado acadar representación nelas”, indica o voceiro, que destaca a “esperanza posta nas vilas medias, nas que se fixo un gran traballo que agardamos dea resultados o domingo. Aspiramos por tanto a consolidar a presenza de En Marea en todo o territorio galego. Manter a representación que xa temos e ampliar capacidades de goberno nas vilas nas que aínda non contamos con representación”.