Estás aquí: Inicio » En Marea aproba no Parlamento a mellora das concidións laborais e salariais das camareiras de piso en Galicia
Santiago, 4 de decembro de 2018.- En Marea conseguiu aprobar no Parlamento de Galicia a mellora das condicións laborais e salariais das camareiras de piso en Galicia. Coa moción presentada no pleno do Parlamento por Paula Quinteiro, as traballadoras do sector poderán rexistrar melloras nas súas condicións laborais que afectarán tanto á súa situación laboral como as condicións de xubilación en caso de problemas de saúde derivados do traballo.
O acordo alcanzado no Parlamento de Galicia a partir da proposta de formulada pola deputada de En Marea Paula Quinteiro suporá un aumento de inspectoras e inspectores de traballo e seguridade social en Galicia e tamén un incremento das inspeccións que se fan no sector turístico de Galicia e que deben vixiar as condicións laborais das traballadoras deste sector para mellorar a súa situación. Incrementar o número de inspeccións é unha ferramenta básica, segundo explicou Paula Quinteiro, porque suporá “un maior control sobre as condicións nas que está traballando as integrantes deste colectivo”.
Tamén se aprobou polo pleno a modificación das condicións de xubilación anticipada das camareiras de piso para aquelas traballadoras que non poidan continuar exercendo o seu traballo polas doenzas ou lesións derivadas dunha excesiva carga de traballo nos seus cometidos. Para a deputada “as condicións laborais das camareiras de piso “provoca unha gran cantidade de doenzas laborais que acurtan a vida laboral e que debe ser tido en conta á hora de fixar a idade de xubilación cando hai problemas de saúde polo medio”.
A proposta aprobada do Parlamento e impulsada por En Marea pide tamén que o goberno español remate co estudo sobre as condicións de traballo neste sector, particularmente nos hoteis, incorporando a perspectiva de xénero. No mesmo sentido, exhorta o acordo a impulsar o diálogo social entre a patronal e as organizacións sindicais para mellorar a calidade deste emprego, especialmente desbotando os prexuízos de xénero.
Na súa intervención parlamentaria, Paula Quinteiro lembrou a situación que estaba padecendo este colectivo e a represión que sufrían moitas traballadoras. A deputada de En Marea lembrou que mañá haberá unha mobilización “a favor dunha compañeira despedida tras mobilizarse por unhas mellores condicións laborais”.
Pola súa parte, o Partido Popular negouse a admitir tres das propostas de En Marea, a primeira delas destinada a crear un selo de calidade para os hoteis e albergues que non contraten en precariedade incentivando un novo modelo laboral e turístico no sector. Nesta proposta, só obterían este selo as empresas que cumprisen cos convenios colectivos, a lexislación en materia de prevención e riscos laborais e tamén en igualdade e tamén as que non externalicen os servizos.
A segunda das propostas rexeitadas polo Partido Popular pretendía condicionar as subvencións que reciben os establecementos hoteleiros. En Marea fixaba que fora requisito indispensable para a percepción destas axudas non ter sido obxecto anteriormente de sancións efectivas impostas polas Inspeccións de Traballo por delitos contra a seguridade ou a saúde das súas traballadoras e traballadores.
Partido Popular e PSOE negáronse a aceptar o punto que propuña derrogar as últimas reformas laborais que supoñan unha perda de dereitos na negociación colectiva e que favorecen a externalización, que afectan a un sector tan precarizado como este.