Estás aquí: Inicio » En Marea aposta pola creación dun gran Parque Industrial Europeo do Automóbil en Vigo
En Marea propón a creación dun gran Parque Industrial Europeo do Automóbil en Vigo que convirta á cidade na capital mundial do automóbil híbrido. É a proposta que o voceiro, Luís Villares, e os candidatos Manuel González Moreira e Teresa Pérez deixaron tras reunirse con representantes dos sindicatos presentes no comité de empresa de Citroën.
En Marea aposta por impulsar o emprego industrial en Galicia cunha aposta decidida pola industria da automoción. A formación ve preciso aproveitar os recursos que xa existen en Vigo e potenciar o sector mediante un Plan Estratéxico que favoreza a creación de emprego de calidade.
Tal e como explica Villares, a proposta pasaría pola creación dun fondo mixto público-privado de 400 millóns de euros, financiado con fondos galegos, estatais e europeos. “Vigo é a grande cidade industrial do norte do estado, e durante moito tempo viu empobrecida a súa industria por unha falta de atención por parte das administracións públicas. Desde En Marea estamos decididos a rematar con iso, e este é un bo momento para lanzar propostas decididas”, asevera o voceiro.
A aposta pasa por incentivar e apoiar o I+D+I vinculado a unha industria “que xa é o presente”. E favorecer a especialización industrial para que Vigo se convirta en foco de sinerxias internacionais vinculadas coa produción de vehículos híbridos e autónomos; e mediante adaptación dos procesos de robotización, a industria 4.0. “Estamos quedando atrás por unha falta de estratexia público-privada que nos poña á vangarda. Estamos importando materiais que poderían xerarse aquí, cando se podería apostar por xerar coñecemento e non por importalo. Nós cremos que todo iso pode facerse na área de Vigo”, explica Luís Villares
Os plans de En Marea pasan por favorecer e mellorar as sinerxias entre as factorías principais e a industria secundaria. E por favorecer a creación de emprego de calidade e condicións de produción xustas mediante a creación dunha Mesa Galega da Industria da Automoción. Un foro no que estarían representadas a industria e os sindicatos, así como as administracións e as universidades. Ademais, a formación pon o foco na necesidade de afrontar a adaptación da FP pública ás necesidades de formación dos traballadores para adaptarlas ás novas técnicas de produción vinculadas ao sector da automoción.
“A creación de emprego ten que ser de calidade, fomentando a estabilidade e as condicións laborais dignas”, destaca Villares. Que ve necesario velar pola non precarización das condicións laborais e pola aplicación do convenio sectorial ou de empresa a todas as empresas do sector da automoción.
“O obxectivo final é acadar ao final da lexislatura, co impulso deste Parque, os 200 mil ocupados en Galicia no conxunto da industria. Queremos lembrar que agora o número de empregos industriais sitúase nos 170 mil, pero chegou a situarse en 2008 nos 210 mil”, lembra o voceiro de En Marea.