Estás aquí: Inicio » En Marea apoia á veciñanza das Illas de Ons e solicita o recoñecemento da propiedade das súas casas
Luís Villares reivindicou os dereitos históricos da veciñanza: “Ons ten un valor especial e o mérito é da xente que habitou historicamente esta illa”
Bueu, 14 de febreiro de 2020.- Luís Villares, voceiro de En Marea, e Xulio Villanueva, tenente alcalde de Bueu, mantiveron unha xuntanza coa Asociación de Veciños e amigos das Illas de Ons co obxectivo de modificar a Lei para que a poboación insular poida recuperar a propiedade das súas casas. A que ía ser unha Proposición de Lei queda posposta debido a disolución prematura do Parlamento Galego e transfórmase nun compromiso político de En Marea que chama a apoiar a todos os partidos políticos en defensa dos dereitos da veciñanza.
Ao remate da xuntanza a presidenta da da Asociación de Veciños e amigos das illas de Ons, María José Pérez Piñeiro, e o voceiro de En Marea atenderon aos medios para explicar as conclusións da xuntanza e para insistir na demanda dun dereito que lle pertence á xente da Illa. Tanto para asociación como para En Marea, é necesario “acadar un compromiso de cara ao próximo goberno de modificación de Lei sobre as concesións da Illa de Ons para solucionar os problemas que ten agora mesmo a veciñanza”. Luís Villares tivo levou esta iniciativa e presentouna ao Parlamento, “pero co anticipio electoral frease a nosa intención, coñecer de primeira man a posición de todos os partidos sobre a situación de Ons”.
Tamén sinalou Pérez Piñeiro que se leva “arredor dunha década nun réxime de concesións, no que nos meteu a Xunta de Galicia gobernada por Feijóo, e reclamamos que se recoñeza a propiedade das nosas casas que levan máis de 200 anos nas nosas mans”. A responsable da asociación veciña, asegurou na rolda o traballo que asumen respecto ás casas: “Nós facemos o mantemento, nós nos encargamos do medio, a Illa de Ons está conservada como está polo traballo dos isleños. O único que pedimos é o que é noso por dereito, por dereitos históricos e non nos queda outra que insistir e recibir o apoio de que nos queira botar unha man e queremos recoñecer e agradecer moitísimo a presencia de Luís Villares que nos apoiará ao 100% ata o final”.
Nas súas declaracións, Villares apuntou que o traballo político debería ser outro: “Os políticos deberan de estar para solucionar problemas á xente e non para crearllos. Agora mesmo temos unha lei que é inxusta que está creando problemas. Estamos falando da xente que viviu historicamente na Illa de Ons e que desde o ano 2001 ten o réxime de concesión aprobado por unha lei que limita os seus dereitos”. O voceiro de En Marea apuntou que é necesario cambiar a lei que prexudica á veciñanza de Ons: “Cando hai unha lei inxusta, hai que cambiala. O noso compromiso neste encontro coa veciñanza da Illa e de Bueu era levar unha proposición de Lei ao Parlamento Galego para modificar o réxime legal actual para que os illáns deixasen de ser simples concesionarios e pasasen a ser propietarios. Isto xa non vai ser posible nesta lexislatura pola disolución do Parlamento galeo precipitada por Núñez Feijóo”.
Villares engadiu que “neste momento o que cómpre é o compromiso. Nós estivemos reunidos coa veciñanza, nos presentaron un texto dunha proposición lexislativa para esa reforma que asumimos como propia e queremos facer un chamamento aos demais partidos políticos para que fagan o mesmo. Non é a proposición de lei de En Marea, é a proposición de lei da veciñanza que está chamada a resolver o problema dos dereitos dos veciños e das veciñas de Ons”.
Para o voceiro de En Marea é a xente o que importa verdadeiramente de Ons: “É a xente a que lle deu forma a paisaxe, foi a xente a que lle deu forma a explotación racional do territorio, foi a xente en definitiva a que lle deu valor para que hoxe valoremos e queiramos compartir con toda a humanidade este patrimonio que non se podería entender sen os illáns e sen as illás”. Para Villares o xusto é promover unha lei que ampare os dereitos da veciñanza, “para reparar esta situación hai que levar a cabo unha modificación lexislativa para que recoñeza uns dereitos que agora mesmo lle son negados. A veciñanza de Ons sabe que pode contar con En Marea e nos gustaría que puidesen contar tamén co resto de forzas políticas. Non hai mellor custodia do patrimonio que a que fan os illáns, porque eles e elas o fixeron ata agora. O medio é as persoas son perfectamente compatibles e quen mellor coñece o medio son as persoas que habitan e ocupan de xeito racional”.