Estás aquí: Inicio » En Marea apela á confianza da cidadanía para impulsar unha Galicia con voz propia nun estado capaz de frear á dereita
En Marea apela á confianza das galegas e galegos e reivindica o proxecto dunha forza política que será a única garantía de que as necesidades de Galicia sexan tidas en conta nun estado capaz de frear á dereita. No mitin de peche de campaña, celebrado este venres no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, tanto o voceiro como as candidatas polas catro provincias solicitaron a confianza das votantes para impulsar “unha Galicia con voz propia nun estado que recupere dereitos e libertades para todas”.
“Imos ser decisivos para frear á dereita. Para evitar que o PSOE escore á dereita e pacte con Ciudadanos. Pero tamén para evitar que nin o PSOE nin Podemos volvan esquecerse de Galicia e recorten os investimentos que precisamos para desenvolvernos como país, como fixeron no último orzamento do estado”. Así falou Luís Villares, que volveu destacar o fondo compromiso de En Marea e o seu contrato social coas galegas e galegos.
“Temos que ser decisivos na gobernabilidade do estado. E se podemos impulsar unha maioría democrática de progreso farémolo dende o primeiro minuto. Non imos facer como Podemos e o PSOE, que puideorn evitar un goberno de Mariano Rajoy e agardaron dous anos antes de facelo. Nós non imos deixar que as dereitas nos gobernen un só día máis”, aseverou o voceiro. Que nos últimos minutos da campaña volveu deixar sobre a mesa o fondo compromiso de En Marea coa derrogación da Lei mordaza e das reformas laborais para a consecución dun estado no que todas podamos vivir mellor.
Cristina Pérez fixo fincapé na súa experiencia nunha oficina de emprego como causa da súa entrada en política ao indignarse coas “durísimas” situacións que coñeceu e poñer “nome e apelidos á pobreza”. A candidata por Lugo espuxo a súa propia traxectoria como unha máis na miríade de cidadás e cidadáns anónimos que se implicaron politicamente ante a crise e o recorte de dereitos e liberdades, callando en fenómenos coma o 15-M. Aseverou que esa implicación política cidadá demostra que “a cidadanía debe ter o papel de gardiá da democracia” e chamou a ateigar o Congreso “con ese sentimento”.
Pérez Herraiz defendeu que “Galicia vai ter unha expresión política clara” en persoas como as cabezas de lista polas catro provincias galegas, un “voto realmente útil que rache co retroceso político” e represente a contribución “da Galicia de Pablo Iglesias Posse, de Concepción Arenal e de Castelao” á “gobernabilidade do Estado en termos sociais e de dereitos”. A candidata por Lugo presentou “unha galicia punta de lanza da recuperación do benestar, da recuperación da soberanía cidadá e do recoñecemento da plurinacionalidade de España”.
O candidato ao Congreso por Ourense puxo o foco na sangría demográfica que está a padecer Galicia en xeral e a súa provincia en particular. Iván Olmos reivindicou o voto útil de En Marea, a única formación fondamente comprometida coas problemáticas que afectan ao rural. O cabeza de lista ourensán comprometeu traballo e esforzo para que a mocidade emigrada poida voltar a unha provincia ben conectada, con oportunidades laborais e servizos de proximidade, nunha Galicia “na que mereza moito a pena vivir”.
“Temos traballado moito. E sempre coa bandeira da coherencia por diante. Construímos colectivamente un programa de urxencias para Galicia, pensado para as maiorías sociais. E despois do 28A, cando o PSOE e Podemos precisen do meu voto, xúrovos que se van ter que sentar a negociar. Porque non lles imos entregar ningún cheque en branco. E nin Iglesias non Sánchez se van erguer da mesa ata que fagan caso ás demandas de Galicia”, prometeu. “Por iso precisamos estar presentes. Porque fronte aos que queren gobernar Galicia dende o Estado, como dixo Yolanda Díaz no debate da TVG, nós queremos participar da gobernabilidade do Estado. Queremos ser estratéxicos no futuro do Estado”.
Tamén a candidata ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, puxo o foco na necesidade de frear a involución democrática e poñer as necesidades da cidadanía e as demandas da rúa no centro do debate político. Ana Seijas volveu reivindicar o seu compromiso absoluto co feminismo e coa consecución da igualdade real entre homes e mulleres. “Que non nos rouben os soños. Que sigamos sumando pinga a pinga, para formar unha gran marea que asulague de esperanza toda a nosa terra e poña a voz das mulleres galegas no centro do debate estatal”, reivindicou.
Ana Seijas comprometeuse a non participar nunca dunha política que sexa un xogo de tronos, e reivindicou o firme compromiso de En Marea cos movimientos sociais “que están no cerne do noso proxecto”. Ademais, ollou cara a súa provincia para volver comprometer esforzo e traballo para conseguir unha solución de futuro para a industria electrointensiva e Alcoa. Uns traballadores aos que o PSOE ven de deixar na estacada.
A candidata pontevedresa tamén lembrou tarefas pendentes e débedas incumpridas polos partidos de ámbito estatal, como a transferencia a Galicia dunha AP9 pública e gratuíta, a urxencia de conseguir a saída sur de Vigo ou a retirada de Ence da Ría de Pontevedra.
“Imos colocar a Galiza como actor decisivo no escenario de España e Europa. En Marea é a única garantía para que Galiiza conte con presenza segura en Madrid. Iso só pode facelo unha forza política sobarana como En Marea, non poden facelo uns que xa amosaron que se pregan á primeira de cambio. Tampouco poden facelo os que non están, nin os que non teñen vencello co noso país”, asevero Iris Malvido. Que volveu lembrar a urxencia de apostar por un modelo de desenvolvemento sostible, que garanta futuro para a industria e emprego de calidade, pero sempre co respecto polos recursos e o medio ambiente por diante. “Non hai Galicia b. Non hai Planeta b”, destacou a candidata.
Reformar a Lei de Igualdade para que non se penalice ás científicas polo feito de ser nais
Nas últimas horas da campaña electoral, e antes de desprazarse ata Vigo para participar no acto de peche de campaña, o voceiro e as candidatas de En Marea mantiveron un encontro con científicas e investigadoras. Unhas profesionais que falaron dos seus problemas á hora de impulsar a súa carreira investigadora en condicións de igualdade cos seus compañeiros homes. Tanto Luís Villares como Ana Seijas, Victoria Esteban, Alba Nogueira, Mariló Candedo e Carlos Neira recolleron as problemáticas expostas por María de la Fuenta, investigadora de Oncomet, Lupe López, profesora de Mecánica, e outras científicas.
En Marea comprometeuse a traballar para rachar cos teitos de cristal que aínda lastran as carreiras femininas impulsando unha reforma da Lei de Igualdade. “Hai que incluír expresamente a non discriminacón da muller na carreira científica. Hoxe en día as mulleres sufren unha penalización porque durante o permiso por maternidade non realizan publicacións e son posteriormente penalizadas por elo. Isto non pode acontecer máis, e unha Lei como a de Igualdade debe incluír isto e trasladado despois á Lei de Ciencia e á Lei Orgánica de Universidades. Tamén son necesarios comités paritarios de avaliación para que as mulleres estean representadas en igualdade de condiicións que os homes. Algo que non está acontecendo nin no 15% dos casos”, compromete o voceiro.