Estás aquí: Inicio » En Marea acusa a Xunta de cargar sobre as familias os custes de servizos ligados ao ensino dixital
Luca Chao responsabiliza a Educación de aumentar a desigualdade das nenas e nenos de Galicia tras recoñecer a conselleira que as familias están asumindo un repago polas reparacións dos equipos informáticos ligados á iniciativa E-Dixgal
En Marea acusou hoxe á Xunta de cargar sobre as familias galegas os gastos das reparacións dos equipos informáticos ligados á iniciativa de ensino dixital E-Dixgal. A deputada Luca Chao responsabilizou á Consellería de Educación de “aumentar a desigualdade das nenas e nenos de Galicia” tras recoñecer a titular autonómica que as familias están asumindo este repago. “Non é comprensible que as nenas e nenos dependan dos ingresos familiares para ter o material que precisan”, manifestou Luca Chao.
Segundo explicou a responsable de Educación de En Marea no Parlamento, cando se estropean estes equipamentos, fundamentais para o seguimento do curso, “chegan os sustos para as familias”. Así, citou exemplos de custes como o da reparación dunha pantalla por 437 euros cando o valor do equipo novo especificado no contrato é de 385 euros. “Un auténtico escándalo”, en palabras de Chao, que acusou o Executivo autonómico de favorecer que “importantes empresas están facendo suculentos negocios” con este material, xa que tras recibir adxudicacións millonarias, agora cobran por un servizo que debería ser gratuíto.
En concreto, Luca Chao sinalou que o investimento en equipamentos ascendeu en 2017 a 11 millóns de euros nun acordo marco cun único empresario, mentres que en 2018 anunciouse outro acordo marco de case 15 millóns, este último aínda pendente de adxudicar despois de seis meses. “Señora conselleira, é xa un retraso que parece bastante estrano e dende logo propio dunha administración pouco eficiente”, denunciou a deputada de En Marea. Ademais, outorgouse outro contrato de máis de 2 millóns de euros a unha empresa por un suposto servizo premium de atención e soporte técnico, pero as facturas están a asumilas as familias.
“Non cansaremos de dicir que o ensino ten que ser verdadeiramente gratuíto para todas”, continuou Chao, que cualificou de “tomadura de pelo” que o Goberno galego “alardee de investir en ensino dixital ao tempo que carga os custes sobre as familias” dificultando que as nenas e nenos poidan dispoñer de todas as ferramentas necesarias para a súa formación.