Estás aquí: Inicio » En Marea acusa á corrupción do PP de ser a responsable do desemprego en Ferrolterra e propón a creación dun plan integral para a eólica mariña
Luís Villares sinala que favorecer a empresa do exministro Morenés causou o retraso do encargo das fragatas a Navantia
O voceiro de En Marea e Ana Seijas reuníronse co comité de empresa de Navantia para coñecer a situación da plantilla tralo anuncio de trasladar faena a Cádiz
“Veu o Partido Popular dos corruptos a pedir o voto para o Partido Popular dos trogloditas, pero nin devolveron o que roubaron nin pediron perdón”. Luís Villares, voceiro de En Marea, explicou como a actividade corrupta do PP afectaba ao traballo en Ferrolterra. “Navantia estivo sen carga de traballo porque Rajoy retrasou o encargo das fragatas para favorecer as empresas de misís de Pedro Morenés, paro para Ferrol, diñeiro para os amigos do PP”, esta é política industrial do Partido Popular.
No mesmo sentido se expresaron as candidatas ao Congreso e ao Senado pola Coruña por En Marea que participaron no mitin na cidade departamental e que estiveron presentadas polo candidato a alcaldía na cidade por Marea de Ferrol, Bernardo Lorenzo.
A situación industrial de Ferrolterra foi un dos argumentos que as candidatas de En Marea abordaron no acto no que Ana Seijas, número 1 ao Congreso explicou que era necesario poñer en marcha un plan integral de eólica mariña para a comarca porque é necesario “completar o proceso de fabricación con todos os elementos dos aeroxenadores”. Seijas sinalou que en Ferrol e na comarca “hai os coñecementos, a capacidade e o espazo para facelo e só necesitamos que haxa a vontade política por parte do Estado e da Xunta para poñelo en marcha”. Neste sentido, Ana Seijas sinalou que era necesario que a Xunta “se incorpore ao consello de administración de Navantia”.
Reunión co comité de empresa de Navantia
Luís Villares, voceiro de En Marea, e Ana Seijas, candidata ao Congreso pola provincia da Coruña, reuníronse en Ferrol co Comité de empresa de Navantia para estudar a situación de baleiro de carga de traballo e propoñer solucións para o futuro de Navantia en Ferrol. Villares aproveitou a súa visita para defender a necesidade de dotar de proxectos á sede galega de Navantia.
Dende Ferrol, o voceiro de En Marea denunciou que un dos motivos polos que existe un baleiro na carga de traballo é a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de “retrasar a adxudicación das fragatas para intentar colocar os misiles da empresa de Morenés”, o que é, en palabras de Luís Villares, “un caso claro de corrupción política que ten repercusións no desemprego en Ferrol”. Por estos motivos, “aproveitando que Rajoy volve á política”, Luís Villares solicitoulle “que se entregue en Fiscalia e que de explicacións do retraso que se produciu por esta causa corrupta que está producindo paro en Ferrolterra”.
Villares tamén puxo o foco na decisión de Navantia de construir en Cádiz un dos cinco Jackets que se podería facer en Ferrol alegando que aquí non existe capacidade. “Se non hai capacidade nun lado da ría haino do outro”, explicou.
Ante esta situación En Marea fai dúas propostas concretas. A primeira delas é reclamar á empresa que a carga de traballo se leve ao outro lado da ría. O segundo deles é que o Estado ordene de xeito inmediato que o buque de abastecemento que precisa se constrúa en Ferrol “porque aquí existen os planos a capacidade tecnolóxica e os recursos humanos. Podería ordearse xa e cubrir a carga de traballo destes dous anos de baleiro”.
En todo caso, En Marea entende que estas reclamacións xa se dirixen ao novo Goberno. “Ten que haber un acordo por parte do Goberno de Estado para dotar de carga de traballo os estaleiros de Navantia en Ferrol e se En Marea ten posibilidades de gobernar a partir do día 28 fixarán a necesidade de que se complete esta construcción“, prometeu Luís Villares.