Estás aquí: Inicio » En Marea abre o proceso de participación para decidir as estratexias do espazo no Estado e en Europa
En Marea inicia o próximo sábado 29 de setembro o proceso participativo cos Encontros Provinciais que se desenvolverán simultaneamente en Compostela (Hotel Compostela, Rúa Hórreo nº1), Pontevedra (Centro LESTE, Praza Citara nº1 bis baixo), Ourense (Local Ourense en Común, Rúa das Burgas nº8) e Lugo (Local LugoNovo, Ronda da Muralla nº164), e que supoñen o punto de partida para a elaboración das teses que se debaterán no Plenario, e que incluirán as vosas propostas e achegas que acaden un maior consenso nesta xornada de traballo e debate.
Desde En Marea convidámosvos non só a participar senón tamén a ser as máximas protagonistas, porque en En Marea decidides ti. As cuestións que expoñeranse para o debate serán as relativas a actuación política do espazo no Estado e nas eleccións europeas:
– A moción de censura apoiada por En Marea foi determinante do cambio de goberno no Estado, que a meirande parte da cidadanía percibiu con esperanza. Que papel cres que debemos xogar agora como En Marea neste escenario?
– Vivimos unha dilatada época de mordaza de liberdades civís, de recorte de dereitos sociais, de prácticas corruptas nas institucións, de perpetuación dos privilexios das élites e dunha negación constante do carácter plurinacional do Estado. Para superar esta situación, que elementos consideras clave para trazar a nosa estratexia política no contexto estatal?
– Cres que En Marea debemos concorrer ás eleccións europeas para defender nese espazo institucional os nosos principios políticos?
– En caso afirmativo, cres que En Marea debemos concorrer ás eleccións europeas en solitario, ou que pode resultar útil a procura de alianzas con outras forzas políticas no ámbito do Estado?
– No caso de que consideres a utilidade de buscar alianzas electorais, que principios políticos comúns debemos compartir con esas forzas para establecer procesos de diálogo?
Premendo aquí podedes rexistrarvos para os encontros Lembrade que o prazo remata o venres 28 de setembro ás 12:00 horas.
A principal finalidade é poñer en común opinións políticas sobre os temas propostos, na procura de espazos de consenso que poidan considerarse xeralizados entre todas as persoas inscritas. E, sobre esas ideas forza o Consello elaborará as teses do Plenario.
O proceso participativo do que sodes parte fundamental, previo ao Plenario que conducirá á elección do novo Consello das Mareas e da nova Coordinadora, comeza con este encontro provincial simultaneo que arrincará ás 9:30 horas e rematará ás 14:00 horas nas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Lugo.
En cada encontro recoméndase a organización por grupos cun máximo de 15 persoas, para procurar as opinións de todas as presentes, por un tempo aproximado de 30 minutos por tema. En cada grupo unha ou varias persoas recollerán as achegas, que logo exporán ao conxunto nunha posta en común final ante todas as persoas asistentes. O compendio de todas as ideas que acaden maior grao de consenso serán trasladadas ao Consello para a elaboración das teses.