Estás aquí: Inicio » Emprazamos ás novas xeracións a seguir loitando polos dereitos e a prosperidade de Galicia
Para En Marea, Alexandre Bóveda é unha figura simbólica a través da cal lembrar ás persoas asasinadas, vexadas e represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista pola defensa dos seus ideais, do republicanismo, polo que aseguramos que Bóveda deixou semente de vencer para conseguir unha Galicia mellor.
Apelamos á mocidade do país defendendo que o pasado non debe quedar no esquecemento, senón que debe servir de exemplo para o presente e o futuro, pois moitos dos ideais que defenderon, seguen vixentes.
Avogamos pola nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterios ditadura.
En lembranza de Alexandre Bóveda, rememoramos as verbas pronunciadas pola súa filla nun acto organizado pola formación hai pouco mais dun mes para conmemorar o 84 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1936, no que Amalia recordaba “unha vez a miña nai preguntoulle ao meu pai que por que estaba na política, e el díxolle: os nosos nenos viven ben, eu quero que todos os nenos de Galiza vivan tan ben como os nosos. Para nós, tamén ese é o espírito do galeguismo: vivir ben no noso país.
Apelamos tamén á memoria das mulleres represaliadas, vexadas e asasinadas, reivindicando o papel desas mulleres que na súa vida diaria foron quen de manter os valores da República, valores compartidos e defendidos por En Marea e que seguen vixentes actualmente, como a loita por conseguir a igualdade real.
Datas senlleiras coma esta deben servir de lembranza para as novas xeracións, para que mozos e mozas valoren a aqueles demócratas e galeguistas que pagaron coa súa vida a defensa da lexitimidade democrática da República e o mantemento da dignidade do noso pobo.
Para nós, a educación xoga un papel esencial nesta cuestión, pois manter viva a memoria dos que faleceron e dos que mataron é de xustiza para avanzar na democracia e na defensa dos dereitos cívicos e nacionais.
É crucial incluír nos currículos escolares materiais pedagóxicos adecuados sobre a historia recente, o golpe militar do 36 e as súas causas e consecuencias.
En Marea ve esencial poñer en valor que figuras como Bóveda son patrimonio de todas as galegas e galegos.