Emenda á totalidade de En Marea contra unha Lei de Espectáculos “sen consenso, que vulnera dereitos e con sancións desproporcionadas”

Estás aquí: Inicio » Emenda á totalidade de En Marea contra unha Lei de Espectáculos “sen consenso, que vulnera dereitos e con sancións desproporcionadas”

Emenda á totalidade de En Marea contra unha Lei de Espectáculos “sen consenso, que vulnera dereitos e con sancións desproporcionadas”

O Proxecto de Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia que se someteu a debate esta mañá no Parlamento, “debe devolverse ao Goberno por manifestos defectos difíciles de remediar”. Así o defendeu a parlamentaria Ánxeles Cuña, para quen as emendas parciais non subsanarán as eivas do proxecto , “que carece de consenso, é demasiado abstracto e non achega a suficiente seguridade xurídica, motivos suficientes para presentar unha emenda á totalidade”.

Para elaborar o borrador, presentado na Cámara polo vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, non se chamou nin escoitou ás asociacións de consumidores, nin a promotores/as e axentes implicados en distintas áreas, nin a axentes do sector da chamada industria creativa, nin a asociacións doutros sectores do espectáculo. “Claramente faltan puntos de vista”, sinalou Cuña antes de preguntarse “como se pode desenvolver con mínimos encontros a nivel técnico e político un debate pendente dende hai décadas”, dixo en referencia á falta de consenso e transparencia do que adoece o texto.

Parte, ademais, dunha premisa errada dende o punto de vista de En Marea: equipara cultura e espectáculo. “Pretende equiparar todo tipo de actividades culturais e recreativas sen diferenzar o seu carácter lucrativo, cultural ou unicamente recreativo”, sinalou Ánxeles Cuña “e incluír actividades culturais e artísticas sen ánimo de lucro como un monólogo na categoría de espectáculo público é desproporcionado e lesiona dereitos fundamentais como a liberdade de expresión ou o coñecemento libre”.

En Marea reivindica unha nova lei que permita un equilibrio entre os principios da liberdade de expresión e creación, a seguridade das persoas e a convivencia. “A ansia reguladora non pode amordazar a expresión de liberdades esenciais deixándoo todo supeditado á dinámica do mercado”. Para En Marea o catálogo de infraccións e sancións é desproporcionado, pois “por non definir, non define nin o que é un establecemento público que evitaría gravar con trámites administrativos e sancións económicas actividades que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas, senón coa creación estética e o libre exercicio da crítica intelectual”.

Finalmente, Ánxeles Cuña lembrou que a lei chega “moi tarde”, pois Galicia é das últimas Comunidades Autónomas en contar cunha norma propia, e súmase á tendencia do actual Goberno da Xunta de afogar a creación artística e a cultura do país, “á que xa lle aplicaron estes anos todo tipo de recortes ata levala á precaria situación na que se atopa”.

A emenda á totalidade de En Marea foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención de PSdeG e BNG, polo que prosegue o seu trámite parlamentario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

12 − three =

X