E.X. 2019 - Senado - Lugo | En Marea

E.X. 2019 – Senado – Lugo

Estás aquí: Inicio » E.X. 2019 – Senado – Lugo

vesteban

Victoria Esteban


Información
Son de Lugo, aquí medrei, estudei, traballei e formei familia. Mestra e licenciada en Psicoloxía, orientadora nun colexio público de Educación Primaria. Concelleira por Lugonovo no Concello de Lugo, defendo as áreas de educación e cultura. Mareante fundadora de Lugonovo e membro de En Marea dende o 2015, formei parte da coordinadora provisional nomeada na Asemblea constituínte do 2016, posteriormente membro electa do consello e da coordinadora, con responsabilidades de organización interna; vicevoceira ata as eleccións de decembro do 2018, nas que fun escollida para integrar a comisión de garantías. Defensora nas rúas do feminismo, da igualdade e da diversidade, do ensino e sanidade públicas, dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos; da lingua, cultura e patrimonio de Galicia; dos dereitos das traballadoras, das minorías, do dereito a decidir dos pobos. Quero colaborar para que En Marea acade no Congreso un grupo parlamentario propio que priorice a defensa dos intereses de galegas e galegos e actúe con independencia doutras forzas estatais. Un grupo de En Marea que obedeza as decisións das inscritas e dos órganos de participación, Consello e Plenario, e renda contas da súa actividade. No Senado o obxectivo debe ser quitarlle a maioría ás dereitas. Transformar a súa composición será de vital importancia nun proceso de reforma constitucional e para evitar un novo 155. Creo que os dereitos se defenden nas rúas e se garanten dende as institucións. O meu, o noso obxectivo é poñelas ao servizo real das persoas.
mgerdmade

Manuel Germade


Información
Nacín o 5 de xuño de 1966 en Santiago de Compostela. Fillo e neto de galeguistas republicanos. Criado en Vigo e residente en Mondoñedo por amor. Casado, con dúas fillas naturais: Raquel e Carmen, e con un fillo, Braulio, da miña muller, Chus, que quero coma propio. Estudei Dereito na USC coa mellor promoción de nacionalistas que nunca houbo. Actualmente coordino En Marea Mondoñedo. Os motivos para presentarme ás primarias de En Marea ao Senado son porque coido que esta Cámara debe ser un auténtico espazo de representación territorial, que consiga transferir as competencias propias do Estatuto de 1981 para Galiza que reafirmen o noso autogoberno. Tentarei conseguir que todas as leis de xustiza social entre as persoas e os pobos sexan aplicadas con todo rigor. Avogo por un Estado Español onde prevaleza o interese público fronte aos intereses privados. O meu desexo é que a provincia de Lugo, que secularmente ten sido tratada como unha zona periférica e con mans caciquís, pase a ter o valor que lle corresponde e sexa tratada cos mesmos dereitos e orzamentos que calquera outra do Estado para evitar o despoboamento, a desindustrialización e teña o peso específico que se lle debe por ter dado tanto e recibir tan pouco.
mariaenma

María Emma Rodríguez


Información
Nacín o 16 setembro 1977. Son Técnica en Cuidados Auxiliares de Enfermaría.
Traballo no Hospital Comarcal de Monforte.
Preséntome ás Primarias de EnMarea para facer fronte ás desigualdades, para dar un paso adiante, facer políticas realmente igualitarias baseadas na xustiza social e loitar fronte á perda de dereitos.

José Carlos Baliñas


Información
Aínda que non nacín, nin me criei, en Lugo, levo vivindo aquí máis de vinte anos. A terra e a xente de Lugo son xaora a miña terra e a miña xente. Levo toda a vida traballando e colaborando con colectivos e institucións na defensa, promoción e posta en valor da nosa lingua, da nosa cultura, do noso rico e fermoso patrimonio histórico, artístico e cultural. E vexo esmorecer Galicia, vexo a nosa lingua acosada, a nosa economía vendida, as nosas cidades e vilas descoidadas, o noso rural abandonado. E sinto que é hora de dar un paso adiante, de actuar no eido político, de colaborar cas compañeiras e compañeiros de En Marea en levar a nosa voz ó parlamento español a defender o noso dende a solidariedade cos que non se renden a esta vaga de neoliberalismo, dereitización e retroceso das liberdades cívicas. Son dos que penso que o Senado debería ben desaparecer ou ben trocarse nunha auténtica cámara territorial, que represente ós pobos do estado español e arbitre entre deles. Pero entrementres esta aí, servindo de valado do centralismo fronte a calquera aspiración dunha organización política diferente e máis equitativa (foi o Senado o que aprobou a aplicación restritiva do artigo 155 para frear os desexos de autogoberno de Cataluña). E Galicia ten que estar presente no proceso de cambio do estado español. Por iso, animado pola xente da rede de mareas da provincia de Lugo, presento a miña candidatura.
X