E.X. 2019 - Senado - A Coruña | En Marea

E.X. 2019 – Senado – A Coruña

Estás aquí: Inicio » E.X. 2019 – Senado – A Coruña

marilocandedo

Mariló Candedo


Información
Son pedagoga e profesora na Universidade da Coruña, onde combino docencia e experiencia na xestión ao ter desenvolvido diferentes responsabilidades. O meu traballo vencéllase dende hai moito tempo aos movementos de renovación pedagóxica, comprometidos coa educación pública, a galeguización e a innovación educativa. Formo parte tamén de colectivos pola Renda Básica Universal. Aposto pola participación en espazos plurais como vía de avance social. Filla de migrantes, nacín en Colombia. Como nai creo nas herdanzas éticas. A situación de emerxencia social destes tempos neoliberais moveume a integrarme en En Marea, coa intención de axudar a consolidar un proxecto político aglutinador, que teña como aspiracións principais apostar pola defensa dos dereitos da cidadanía e construír un país dono de si, nun horizonte de xustiza social e igualdade.
perezxardi

Xosé Manuel Pérez Sardiña


Información
1972, Cabanas, A Coruña.
Nacín nunha familia humilde do rural, traballei e vivín en case todas as cidades do país con distintas experiencias que me enriqueceron persoal e profesionalmente. Así, os labores que desenvolvín fundamentan a miña ansia polo cambio social e cultural de Galicia: labrego, peón contraincendios, estudante, licenciado con suficiencia investigadora, precario, investigador universitario, concelleiro, docente e lingüista. A miña motivación para participar en En Marea vén da mobilización social para superar o bipartidismo, que se materializou primeiro no Nunca Máis e despois no 15M. En Marea é a esperanza democrática para a transformación social, a segunda forza política de Galicia, cunha actividade parlamentaria que leva da rúa aos parlamentos as demandas sociais das de abaixo. Decidín presentarme ás primarias ao Congreso no equipo de Un mar sen tutelas para achegar a miña experiencia ao proceso de cambio social máis xusto. Con máis gañas que nunca debemos de consolidar e anchear o importante: os dereitos sociais, as liberdades e a paz.
lopezsoto

Eva López Soto


Información
Educadora social e pedagoga. Máster en xestión de ONGs, Servizos Sociais e Voluntariado. Nacín en Ferrol no ano 1967, e vivo no concello de Brión desde hai 19 anos. A miña experiencia profesional está ligada aos servizos sociais comunitarios, fundamentalmente no ámbito do apoio educativo ás familias, infancia e adolescencia. Formei parte durante dez anos das xuntas de goberno do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, e na actualidade son activista en diferentes colectivos vinculados á defensa dos dereitos humanos, como a Renda Básica Universal, ou o feminismo.

Pablo Meira


Información
Eu son Pablo Ángel Meira Cartea. Nacín hai 57 anos no barrio de Teis, en Vigo. Agora son veciño de Brión (A Coruña) e traballo na Universidade de Santiago de Compostela como Profesor Titular de Educación Ambiental. Pertenzo a En Marea Brión. As relacións entre a educación e o ambiente son a miña ocupación e preocupación. Participei na fundación e fun presidente de Sociedade Galega de Educación Ambiental e agora estou implicado no impulso da Rede Lusófona de Educação Ambiental. Na actualidade, o meu labor investigador e de acción socio-educativa está centrado na Educación para o Cambio Climático, no convencemento de que xa é o gran reto para a sociedade galega e a sociedade global neste século.
X