E.X. 2019 - Congreso - Lugo | En Marea

E.X. 2019 – Congreso – Lugo

Estás aquí: Inicio » E.X. 2019 – Congreso – Lugo

perezherraiz

Cristina Pérez Herraiz


Información
Preséntome como candidata de En Marea co obxectivo de levar unha voz comprometida cos problemas da provincia e de toda Galicia ao Congreso dos Deputados. Vivimos un tempo moi intenso na política e moitas persoas que, coma min, nunca participaramos activamente nela, sentímonos chamadas a poñernos mans á obra polo benestar da nosa xente. No meu caso foi o traballo nunha oficina de emprego o que me sensibilizou sobre a dura emerxencia social que aínda estamos a vivir. Haina que superar pero para todas, non para unha minoría. Durante os últimos anos fun concelleira e voceira municipal de Lugonovo. Na política municipal tes que estar sempre en contacto coa veciñanza. Para min, esas relacións que tecín durante estes anos son un tesouro e quero trasladar ese xeito de facer política en contacto coa xente ao Congreso, porque creo que a política ten que facerse de abaixo arriba e sempre cun pé na rúa. Por iso che pido o voto neste proceso de primarias. Deámoslle a esta provincia a representación que merece.
jarca

Javier Arca


Información
Técnico superior (TS) de informática de xestión. TS de administración de sistemas informáticos e TS en programación da produción de metais e polímeros. Colaborador e socio de UNICEF e AEMS Ríos con Vida. Dende hai máis de 20 anos formo parte de varios diversos colectivos culturais como Saíñas ou a Asociación de Gaiteiros Galegos. A situación da política en España está nun momento complexo. Tanto o PP como o PSOE están estancados nas súas políticas neoliberais nas que as grandes empresas están a ter os maiores beneficios da historia. É o momento de que a xente do común tome a iniciativa política defendendo os intereses dos seus veciños, tanto a nivel municipal como autonómico, estatal e europeo. O proxecto de En Marea, partido político, deixa os intereses dos grandes “lobbys” para poñerse ó servizo da xente. Tamén é o momento de traballar con liberdade e sen o absoluto control e manipulación das cúpulas dos partidos. Acabáronse as inxerencias duns poucos sobre todos. É o momento de organizarse e traballar por un futuro mellor para nós e para os nosos fillos.
ntburgo

María Teresa Burgo


Información
Son avogada laboralista nas Comisións Obreiras de Lugo. As miñas raíces están en Lanzós, unha parroquia de Vilalba, aínda que por motivos laborais vivo en Lugo dende o ano 2008. Preséntome nesta candidatura co convencemento de que En Marea é o espazo que as galegas precisamos, para traballar colectivamente polo benestar da maioría, e non só duns poucos. Loitando pola Xustiza Social e por unha democracia máis forte e transparente, ó servizo da xente e coa participación da xente. E tamén para poñer a Galicia no lugar que se merece, apostando firmemente polas nosas grandes potencialidades como país.
ivanlopez

Iván López


Información
Son empresario do sector seguros onde dirixo unha correduría en Sarria dende hai máis de 20 anos. Teño participado moi activamente en entidades deportivas e culturais do meu pobo, sen que nada do anterior supoña ningún mérito máis aló do coñecemento que me poidan dar de certas areas da vida social ou económica de un entorno rural no Camiño Francés a Santiago. A miña motivación e que profesionalmente podo comprobar a constante degradación económica e social que as políticas crónicas do PP están convertendo o rural nun deserto verde, no que semella que so se crean granxas de vellos. É a promoción do abandono dos pequenos concellos para que non quede quen proteste contras as políticas da Xunta de favorecer a grandes corporacións no expolio medioambiental como os casos da mina de Touro ou a invasión do eucalipto. A miña motivación é que os meus dous fillos poidan atopar un futuro no seu entorno coa calidade de vida de habitar un territorio sen un urbanismo devorador, acolledor e con servizos públicos de calidade.
X