E.X. 2019 - Congreso - A Coruña | En Marea

E.X. 2019 – Congreso – A Coruña

Estás aquí: Inicio » E.X. 2019 – Congreso – A Coruña

ana_seijas

Ana Seijas Baranauskas


Información
Vicevoceira de En Marea e responsable de Extensión Territorial e Municipalismo. Licenciada en CC. Políticas e Sociais, especialista en estudios de opinión e mercado e magister en ONGs Voluntariado e Servizos Sociais pola USC. Desenvolvín o meu labor profesional principalmente, nas áreas da Consultoría Política e Social e como Investigadora sobre comportamento político electoral en Galicia. Dende que teño memoria o activismo forma parte da miña vida, encontrando nel unha maneira de relacionarme e transformar o mundo que me rodea: a través do asociacionismo e o activismo cultural, social, estudantil, deportivo, educativo ou ecoloxista. En 2012, atraída polos movementos rupturistas e o espertar de novas formas de participación política achégome por vez primeira ao activismo político co nacemento dun proxecto municipalista, Ames Novo, onde participo activamente dende entón. Mareanta convencida e defensora da radicalidade democrática, aposto por un proxecto concebido dende o feminismo e o cidadanismo que será quen de transformar o noso nun país máis xusto para todas.
pancho

Pancho Casal


Información
Deputado de En Marea pola provincia da Coruña na X Lexislatura no Parlamento de Galicia. Nacín na Coruña en 1955. Enxeñeiro Superior Industrial polo ICAI (1977) traballei 12 anos no sector enerxético. Cando era director de mantemento de centrais hidráulicas en Fenosa, deixei a empresa para dedicarme á industria audiovisual durante 25 anos. Fundei cuns amigos unha produtora coa que producín máis de 40 longometraxes, que entre outros moitos premios conseguiron 6 premios Goya, series de televisión, documentais e publicidade. A miña traxectoria en política comezou no ano 2014 nunha das candidaturas ao Consello Cidadán de Podemos na Coruña. Posteriormente fun elixido membro de Consello Cidadán Autonómico de Galicia, cargo que abandonei en setembro de 2017. En decembro de 2018 fun elixido para formar parte do Consello das Mareas de En Marea. No Parlamento formo parte das comisións de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo e da Área de Benestar Animal.
albanogueira

Alba Nogueira


Información
Nacín en Toba (Cee) e vivo en Santiago. Sou Catedrática de Dereito Administrativo da USC e fun presidenta da súa Xunta de persoal docente e investigador pola CIG. Botei unha man na Comisión xurídica de Nunca Máis e axudei a construír ANPAS Compostela. Activista pola nosa lingua. Aínda que “o persoal é político”, da familia xa vos contarei cando eles tamén o fagan.
mariachao

María Chao


Información
Licenciada en Dereito pola UDC, traballei en varios despachos de avogados. Na actualidade preparo oposicións aos corpos de xustiza e son Concelleira pola plataforma veciñal da miña vila, Xuntas por As Pontes. Participo en varios movementos de ámbito local, sempre a prol da comunidade, da lingua, da cultura e tradicións galegas.
adriandios

Adrián Dios


Información
Aínda que está de moda chamarnos Millenials, gústame pensar que son da Xeración Xabarín. Tamén da Xeración do Nunca Máis, que tiñamos que escapar do instituto para ir ás manifestacións contra o chapapote que representaban Fraga e Aznar. Esa xeración que estivemos acampados no 15M, porque a crise económica pasaba por riba de nós e queriamos berrar ben alto que non aspiramos a ser unha Xeración Perdida, que sabiamos perfectamente onde estabamos. Son Doutor en Historia Económica e na actualidade traballo como investigador (precario) na USC, traballo que compaxino con ser adestrador de baloncesto feminino no meu barrio, Fontiñas. Teño participado do movemento estudantil e xuvenil, e na actualidade son activista tamén no cooperativismo eléctrico galego.
carlosneira

Carlos Neira


Información
Traballador de ASTANO durante case vinte anos, onde tomei compromiso sindical e político, participei na organización do sindicalismo obreiro galego, membro do Comité de Empresa durante a batalla da chamada Reconversión Naval. Logo socio en empresa familiar adicada á madeira. Concelleiro de Fene nos anos 90 polo PSG-EG.
Comprometido con todos os movementos de defensa do público, sanidade, educación, transportes. E coa lingua. Afeizoado a escribir. Pai e avó exixente e esperanzado dun mundo mellor. A miña motivación para presentarme nas listas de En Marea é constatar que estamos diante dun proxecto novedoso e de ilusión, que rompe un esquema resignado e impotente para a esquerda galega e que formula a posibilidade de traballo común, a radicalidade democrática e unha alternativa nacional galega. Atópome ben entre diferentes que teñen unha inmensa causa común, e que pouco a pouco imos impoñendo a forza do pluralismo e a unidade, a superación de parceliñas e criterios de curto alcance.
carmenfdz

Carmen Fernández


Información
O meu nome é Carmen Fernández, teño 46 anos, son licenciada en informática e funcionaria. Na actualidade formo parte da coordinadora da Marea Veciñal en Culleredo (A Coruña), concello no que vivo, aínda que no pasado participei no movemento asociativo e fun delegada sindical de Comisións Obreiras durante moitos anos. Creo firmemente que hai que actuar e aportar todo o posible á nosa sociedade en tódolos ámbitos (asociativo, sindical, colaborativo, político...). E niso xogamos un papel moi importante as mulleres, que non so podemos, senón que debemos participar para que ese camiño que comezaron a abrir outras mulleres non se volva a pechar coa maleza.
danieloca

Daniel Oca


Información
Nacín en Ribadeo o 25 de novembro de 1972. Desde o día de San Xoán de 1999 vivo en Cee, onde desenvolvo a miña actividade profesional como administrador de Acerta Formación, un centro inscrito na Rede de Centros da Xunta de Galicia, especializado en formación ocupacional e continua. Anteriormente traballei para a administración en ocupacións relacionadas co ámbito do emprego, a orientación e a inserción laboral (Obradoiro de emprego, Pacto territorial). Fun concelleiro en Cee entre os anos 2003 e 2015, ocupando o posto de 1o Tenente de Alcalde durante un ano e medio (2012-2013).
Estou casado e temos dúas fillas e un fillo.
X